O Concello de Nigrán emprendeu onte un novo reparto especial a domicilio para 55 familias vulnerables a base fundamentalmente de alimentos cárnicos (polo e lombo de porco) pero tamén de ovos, froitas, verduras, patacas e todos os alimentos non perecedoiros e de hixiene procedentes da doazón dunha compra de 500 € realizada no Froiz de Nigrán a semana pasada por unha particular para este fin (a clienta do supermercado puxo como condición que fose entregada ao consistorio anonimamente).
Explican desde o Concello que así garante durante todo o periodo que se manteña o estado de alarma o seu equipo de axuda ante o Covid-19 realizará esta labor e estas entregas extras, así como o servizo de compras de alimentos ou menciñas a persoas con recursos pero que non se poden desprazar dos seus fogares.
O Concello adquiríu todo no pequeno comercio do municipio, sendo novamente doados os tres sacos de patacas por J.A Blanco, os ovos por ‘El Rancho’ e a carne deixada a prezo de custe pola carnicería Oscar de Panxón (55 polos, 12 peitugas e 12 kg de lombo de porco). Ademais, entregáronse 70 kg de laranxas, 60 kg de mazás, 45 kg de peras, 50 kg de plátanos, 15 kg de cenorias e 60 feixes de verzas.
«Dadas as circunstancias consideramos imprescindible realizar compras de produtos máis alá dos non perecedoiros para que ninguén teña que desprazarse ao supermercado e para garantir á mellor alimentación de toda a unidade familiar, xa que os menores destas se ven privados do comedor escolar», sinala o alcalde, Juan González.
«Somos un municipio solidario e se está a demostrar nestes intres coas doazóns diarias das empresas e os prezos especiais que están a facer nas compras, estamos moi agradecidos», subliña González.