O Concello de Nigrán inaugurará este sábado 20 de abril a partir das 11:30 horas o rehabilitado muíño de Porto do Molle (situado en pleno parque empresarial) cunha gran muiñada popular.
A festa, aberta a toda a veciñanza, terá lugar a partir das 11:30 horas coa presenza das miñoranas ‘Pandereteiras do Sobreiro’ (que compuxeron un tema ex-profeso para a ocasión) a proxección da curta documental sobre a historia deste muíño e o seu proceso de reconstrucción (realizado por Cris Grande para o Arquivo Histórico Audiovisual de Nigrán) e, finalmente, a posta en funcionamento da moa. A Asociación de Festas Santiago e Santa Ana 2023/24, de Parada, servirá chouripáns.
«Celebraremos unha gran muiñada porque é o que merece a ocasión: estamos moi orgullosos de ter rehabilitado este elemento de interese etnográfico e patrimonial conservando o seu uso para así outorgarrle un fin educativo», explica o alcalde, Juan González.
O Concello investíu 250.000 euros na rehabilitación integral do muíño de Porto do Molle, situado en pleno parque empresarial ao carón do río Muíños e en estado ruinoso desde hai máis de 30 anos pese ao seu gran valor histórico e etnográfico.
Así, o obxectivo do proxecto foi reparalo respectando ao máximo a súa orixinalidade e poñelo a funcionar mediante a reposición dos mecanismos (que estaban desaparecidos, igual que a cuberta) e da disposición dunha nova canle hidráulica. En definitiva, o Concello desexa por en valor esta edificación tradicional de excepcional interese cultural.
A construción, de gran valor histórico e catalogada como Ben de Interese Cultural (BIC), é unha das máis grandes da comarca cunha planta rectangular de 25 x 6,5 m e chegou a ter tres moas en funcionamento, recuperándose agora unha.
Trátase dunha edificación do S.XVIII que consta do propio muíño, almacén e vivenda anexa nun único volumen no que o sótano está aberto ao exterior mediante tres arcos de medio punto polos que ía a auga tras moverse o mecanismo de rotación (as obras e movementos de terra no parque empresarial implicaron soterrar a canalización de abastecemento e evacuación ao río Muíños, polo que actualmente non ten conexión ao río, sen embargo, creouse un circuíto pechado para que poida funcionar).
Esta restauración, ademais de implicar un estudo histórico e control arqueolóxico da mesma, implicou repoñer e acondicionar a envolvente do edificio, restaurar os paramentos da edificación e infraestruturas hidráulicas e, finalmente, recuperar e repoñer os elementos xa desaparecidos de roturación e trituración.
Así, na sala correspondente ao propio muíño fíxose unha intervención mínima instalando unha cuberta de madeira de castiñeiro con cerchas e correas, tal e como tradicionalmente se facía, e, adicionalmente, no chan se repararon as grandes lousas de granito que estaban deterioradas. Na sala que era vivenda ou almancén creouse unha pequena sala de exposicións ou multiusos cun sistema estrutural moderno a base de madeira laminada e tirantes de aceiro, ademais, habilitáronse dous aseos, un deles adaptado a persoas con mobilidade reducida.
O edificio mantén tres accesos independentes: o do propio muíño, o da sala e un central que da ao vestíbulo desde onde acceder ás dúas salas ou wc. A maiores, intervíuse na zona verde da contorna do muíño, onde os desniveis de terras se adaptaron mediante bancais para permitir contemplar mellor todas as partes do muíño.
«Queremos que este muíño recolla a tradición muiñeira que pon nome precisamente a este río, polo que plantexamos unha exposición permanente ao respecto e, por suposto, que poida funcionar a modo divulgativo, ademais de poder empregar a sala multiusos para exposicións ou eventos», resume o alcalde.