O Concello de Nigrán, xunto ás comunidades de montes de Camos e Chandebrito, organizan este domingo 17 de marzo unha xornada de reforestación de árbores autóctonas e cultivo de shiitake no parque forestal ‘Os Matos-Río Táboas (parroquias de Camos e Chandebrito) de 10:30 horas a 13:30 horas.
Así, por unha banda finalizarase a replantación de 1.000 m2 no corazón do parque e, por outra, a Brigada Forestal Municipal e a empresa Simbiose impartirán un obradoiro gratuíto de cultivo in-situ de shiitake aberto a toda persoa que o desexe sen necesidade de inscrición previa (o punto de encontro é o coñecido como ‘Miradoiro das Señoras’, 42.147114,-8.758718 ).
A cambio, os participantes obterán a formación necesaria para iniciarse por si mesmos na produción de setas ao tempo que colaboran para que naqueles tocóns onde se inocule o micelio non rebrote o eucalipto grazas ao efecto parasitario dos cogumelos, que acaban desintegrando o tronco por completo.
«Trátase de vincular afectivamente á veciñanza coa súa contorna ao tempo que adquiren coñecementos moi útiles de cara ao autocultivo e sostibilidade nunha zona rural onde, xeralmente, dispoñen de fincas para elo», explica o alcalde, Juan González.
A inoculación e a reforestación levarase a cabo en 1.000 m² situados na intersección entre Camos e Chandebrito, espazo que o Concello comezou a repoboar con 700 árbores autóctonas adquiridas por importe de 8.000 € (sobreiras, abeleiras, bidueiros, carballos e castiñeiros).
Parque forestal
Este espazo natural, vertebrado pola fraga do río Táboas, ubícase en 42 hectáreas (420.000 m²) de terreo totalmente calcinadas nos incendios de 2017, 30 delas pertencen á Comunidade de Montes de Camos (parcelas de Castelo e As Chans) e 12 á de Chandebrito (As Rozadas) e foron cedidas ao consistorio con este fin.
O obxectivo das tres entidades é crear un espazo de recreo libre e público, con valores naturais, culturais e paisaxísticos únicos que serán recuperados, conservados e promocionados, ademais deservir de barreira protectora fronte ao lume.
O investimento total do Concello será de 400.000 euros e os traballos os leva adiante a súa propia Brigada Medioambiental baixo a dirección técnica de ‘Landra’.
«Despois dos incendios, tanto dende o Concello como dende as dúas comunidades, quixemos por en valor este espazo e darlle unha función social; ademais, servirá de protección fronte ao lumes para os núcleos de poboación máis próximos», resume o rexedor, Juan González.
O proxecto contempla nunha primeira fase a erradicación completa das especies invasoras (fundamentalmente eucaliptos e acacias) e a realización de plantacións autóctonas e, nunha segunda fase, á creación de espazos públicos, restauración dun muíño de auga, posta en valor dos petroglifos…
O grave incendio de 2017 asolou todo este terreo, tanto a masa arborada de eucaliptos con aproveitamento madereiro coma o bosque autóctono de ribeira e as pantacións de coníferas e frondosas. Actualmente o terreo presenta un rexenerado natural de piñeiros, eucaliptos, carballos e castiñeiros.
O obxectivo é que, grazas á intervención humana, se recupere o bosque autóctono galego propio desta fraga, cun inmenso atractivo pola gran variedade e biodiversidade de especies vexetais e animais que o forman.
Así, todos os traballos iríán destinados a restaurar a cuberta arbórea a manter asó o seu microclima húmido.
O parque forestal contempla medidas naturais de prevención e defensa contra os incendios (faixas de xestión da biomasa); de posta en valor dos elementos patrimoniais e culturais (protección dos xacementos, fundamentalmente petroglifos; ou restauración do coñecido como ‘Muíño do medio de Táboas); medidas de posta en valor dos elementos sociais e de uso público contemplando a accesibilidade para todos (creación dunha área recreativa en O Serradouro e As Rozadas, a pimeira delas inclúe zona de aparcamento); acondicionamento do miradoiro de O Castelo ou creación dunha ruta de subida ao mesmo; medidas de sinalización, promoción e interpretación dos valores do parque forestal (paneis, pictogramas, sinalizacións, códigos QR…).