A Xunta destinará unha achega de 201.574€ para as obras de acondicionamento da contorna do edificio do mercado do concello de Oia, nas que se investirán un total de 287.963 euros.
A conselleira de Vivenda e Planificación de Infraestruturas, María M. Allegue, asinou hoxe coa alcaldesa, Cristina Correa, o convenio enmarcado no Plan Hurbe, nun acto na Casa Consistorial ao que asistiron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Agustín Reguera, e a directora xeral de Urbanismo, Encarnación Rivas.
O Plan Hurbe da Xunta ten coma obxectivo como destacou a conselleira, “a apoiar aos concellos que desexen desenvolver actuacións de humanización de espazos públicos ou para dotarse de equipamentos cos que seguir afianzando poboación e mellorar a calidade de vida da súa veciñanza”.
A través deste convenio a Xunta financiará o 70% do custe da intervención, ademais de licitar e executar as obras, e o Concello asumirá o 30% restante (86.389€). Allegue subliñou que os traballos licitaranse “o antes posible”, a fin de que este ano estean rematados.
A reforma suporá a remodelación integral da zona contigua ao edificio do mercado, mediante a intervención nos acabados, mobiliario, sinalizacións e iluminación, cun deseño plenamente integrado e respectuoso coa contorna.
Así mesmo, completarase a intervención coa renovación de servizos na zona: rede de pluviais, saneamento, abastecemento, electricidade e iluminación. Inclúese tamén un sistema de reutilización da auga pluvial e o soterrado das liñas aéreas eléctricas e de telefonía.
Allegue destacou a necesaria cooperación entre administracións que fai posible actuacións como a proxectada e subliñou que este novo espazo, xunto ao mercado, xerará un novo espazo de encontro da veciñanza, posto que “propiciará que veciños e visitantes poidan atopar un novo espazo onde parar ou reunirse”.