A “barferencia” será este mércores 18 ás 20:00 horas na Casa da Henriqueta en Oia. Rafael vai falar das novas interpretacións do castro de Santa Trega, en base aos achados da última escavación neste impresionante asentamento milenario, que el mesmo dirixiu.
A idea deste ciclo é achegar a ciencia ao público nun entorno distendido como é o dun bar. A terceira e última barferencia será o próximo xoves 26 na cafetería A Riña. Nesta charla, “A serra do Ouro”, o arqueólogo e profesor Gustavo Pascual Hermida vai dar a coñecer ao público as súas últimas investigacións sobre a minería antiga na Serra da Groba.
As Conversas Arqueolóxicas compleméntanse cunha serie de visitas guiadas á escavación no castro oiense de Chavella, que o equipo arqueolóxico agarda comezar nos próximos días.
Xa están en marchas as visitas guiadas ao castro, que se ofrecen todos os sábados e domingos ata o 5 de xuño ás 12:00 do mediodía. Ademais das visitas guiadas, a escavación sempre estará aberta a curiosos e visitantes.
Para subir ao castro de Chavella, a organización recomenda deixar o coche na casa forestal de Oia e seguir andando ata o castro (un quilómetro aproximadamente).
Tanto as barferencias como as visitas guiadas a Chavella son gratuítas e non é necesario inscribirse. Están organizadas pola Asociación Costa dos Castros coa colaboración do Concello de Oia e a Deputación de Pontevedra.
Poden atopar máis información na páxina web de Costa dos Castros.