Teatro, charlas e narración oral, talleres infantís e unha andaina son as diferentes propostas que inclúe este evento baseado na convivencia, a cultura e a posta en valor do patrimonio material e inmaterial.
Os actos centrais do Festival do Rei Sol, evento que toma o seu nome dunha lenda vinculada ao castro de Cano dos Mouros (Viladesuso), desenvolveranse o domingo 17 no propio castro. Alí terá lugar unha visita guiada, unha representación teatral, a observación do solpor acompañada de música e o espectáculo Os Contos do Rei Sol de Avelino González. Tamén haberá postos de comida e bebida, grazas á colaboración veciñal.
Nos días previos ao domingo tamén haberá actividades culturais vinculadas co patrimonio, neste caso repartidas por diversos puntos de municipio de Oia. O venres 15 se celebrará un taller infantil de arqueoloxía e o sábado 16 haberá unha andaina e outro taller infantil, neste caso de elaboración de traxes castrexos. Ese mesmo día celebrarase a charla-coloquio titulada Pactos de Hospitalidade e colaboración na Galicia Romana, con Sonia María García García (autora da novela Toca, el oro de la Gallaecia).
Inscricións
No caso dos talleres infantís e a andaina as prazas son limitadas, polo que cómpre inscribirse no teléfono ?689.35.57.13.
O festival, organizado pola Asociación Costa dos Castros xunto co Concello de Oia, e co financiamento da Deputación de Pontevedra dentro do Ano do Patrimonio; é posible grazas a implicación e participación da veciñanza e diversos colectivos de Viladesuso, nomeadamente a Asociación de Veciños, A Comunidade de Montes Veciñais en Man Común, A Fiada e o grupo de teatro O Mellor de Cada Casa. Con esta cita cultural preténdese fomentar a convivencia entre veciños e visitantes de Oia, poñer en valor o patrimonio local e concienciar sobre a necesidade de preservalo para as vindeiras xeracións.
FESTIVAL DO REI SOL 2017. PROGRAMACIÓN
VENRES, 15 DE SETEMBRO
-19.30 horas: Taller infantil: Pequeno Laboratorio Arqueolóxico.
Prazas limitadas. Require inscrición. C.C. de Pedornes
-20.30 horas: Teatro. O que hai que ver, de Fulano, Mengano e Citano.
C.C. Pedornes. Dentro da programación de Cultura no Camiño (AGADIC).
SÁBADO, 16 DE SETEMBRO
-10.00 horas. Andaina por Viladesuso.
Prazas limitadas. Require inscrición.
-17.00 horas. Taller infantil de traxes castrexos.
Prazas limitadas. Require inscrición. C.C. de Oia.
-18.00 horas. Charla-coloquio Pactos de Hospitalidade e colaboración na Galicia Romana, con Sonia María García García; autora da novela Toca, el oro de la Gallaecia.
Entrada libre. C.C. de Oia.
DOMINGO, 17 DE SETEMBRO
Actos no castro de Cano dos Mouros (Viladesuso)*:
-18.00 horas: Visita guiada no castro.
-19.00 horas: Representación teatral a cargo do grupo O mellor de cada casa.
-Contemplación do solpor amenizada pola Fiada de Viladesuso.
-21.00 horas: Espectáculo Os contos do Rei Sol, de Avelino González.
*En caso de chuvia a festa trasladarase ao C.C. de Viladesuso.