Máis de 20.000 persoas visitaron desde a reapertura en 2019 o Mosteiro de Oia, que este luns fixo pública a súa III Memoria de Sostibilidade. O ano 2021 estivo novamente marcado pola pandemia, e desde o Mosteiro tívose que convivir coas limitacións marcadas polas autoridades para continuar ofrecendo unha cultura segura, de calidade e tan ansiada polo público.
A apertura volveu a limitarse aos meses do verán, dende finais de xuño a mediados de setembro. Así, foron 89 días de actividades culturais, nos que non faltaron as xa tradicionais visitas guiadas, Solpores, Conversas, o teatro, contacontos con monicreques para os máis pequenos ou a celebración do evento A Emoción dos Viños, entre outros. Todo isto fixo posible recibir nesta tempada 2021 a máis de 4.800 persoas solo en visitas guiadas, unha cifra que supera a do 2020.
Ademais, e coma tódolos anos, leváronse a cabo diferentes intervencións no monumento destinadas ao mantemento e coidado do Mosteiro, destacando neste sentido a finalización do Centro de Recepción de Visitantes, cuxa obra viuse retardada por mor da pandemia debido á falla de determinados materiais fundamentais para a súa finalización.
Precisamente unha intervención anterior, neste caso a relacionada ca mostra permanente “Os presos do Mosteiro”, concibida e deseñada polos arquitectos Rodriguez+Pintos, ven de recibir o Gran de Area de Aportación a Arquitectura 2021 que o Colexio Oficial de Arquitectos de Galicia resolve cada ano.
Os traballos desenvolvidos no ano 2021 e reflictos na Memoria de Sostibilidade, seguen baseados nos trámites burocráticos necesarios para a rehabilitación integral e definitiva, nas intervencións necesarias para o mantemento do cenobio, e a posta e en valor do patrimonio, a historia e a cultura de Oia e o Baixo Miño.
Sarah Barbará, responsable da dinamización cultural do Mosteiro de Oia, sinalou que están «moi satisfeitos con todo o traballo realizado no ano 2021, nunha tempada que foi máis curta do que nos gustaría. Unha tempada a pesares das dificultades na que conseguimos compartir con case 5.000 persoas as marabillas dun espazo único, e sobre todo continuar cos investimentos que permiten seguir mantendo este patrimonio para o goce de todos.