A obra ten unha superficie construída de 680 metros cadrados. O seu programa funcional conta cunha área médica con dúas consultas de medicina xeral, dúas consultas de enfermería e unha área de atención materno infantil, cunha sala da muller e consulta de pediatría. Ademais, dispón dunha consulta polivalente e área de administración con arquivo, almacéns, vestiarios e outros servizos comúns. Tamén conta con electrocardiógrado, espirómetro, monitor da presión arterial (MAPA), doppler vascular, desfibriladores e oxímetros de pulso.
Isto facilitará que os seus profesionais, ademais de realizar a propia actividade asistencial, poidan levar a cabo actividades preventivas e desenvolver os programas de protección e promoción da saúde -programa do neno san, programa de atención ao paciente crónico, o control do tratamento con anticoagulantes orais (Sintron) e atención á Muller, entre outros-.
O ambulatorio dá cobertura a unha poboación de 2.442 usuarios, dos que 205 son menores de 14 anos. O cadro de persoal deste centro está formado por dous médicos xerais, dous profesionais de enfermería, un PSX (persoal de servizos xerais) e unidades de apoio como pediatra, matrona e traballador social. Este equipo multidisciplinar realizou o pasado ano un total de 17.000 consultas e un cento de cirurxías menores.
O primeiro de tres
O xerente da Estrutura Organizativa de Xestión Integrada (EOXI) de Vigo, Félix Rubial, manifestou a súa satisfacción por esta nova dotación sanitaria, «o primeiro dos centros de saúde que se van pór en marcha na área sanitaria de Vigo», xa que nas vindeiras semanas tamén se abrirán os centros de Panxón e Tui.
Con estas instalacións «dáse un salto cualitativo importante nas prestacións da asistencia sanitaria á poboación deste concello, que agora dispón dun centro moderno, funcional e ben dimensionado, que permite garantir as mellores condicións asistenciais, tanto para os usuarios como para os profesionais», afirmou Rubial.