Os labores de roza comezaron esta mesma semana e perseguen varios obxectivos: reducir o risco de lumes forestais, deixar visibles e accesibles os distintos petróglifos e incrementar o coñecemento existente sobre as representacións rupestres da zona. Ao mesmo tempo, estes traballos deixarán a área preparada para próximas actuacións de posta en valor, unhas intervencións que permitirán gozar do entorno do Viveiro entendendo e interpretando este espazo como un todo.
Unha cuadrilla de operarios da loita contra incendios forestais traballa na limpeza baixo a supervisión da arqueóloga Elisa Pereira, quen permanece a pé de campo comprobando que os labores, que se fan de xeito manual, se desenvolven con todas as garantías de protección. Pola súa banda, a comunidade de montes de Pedornes, como propietaria dos terreos, encárgase das xestións dos permisos necesarios para executar a actuación, enmarcada dentro do conxunto de actividades que Costa dos Castros programa neste 2017.
Auga dos Cebros
Auga dos Cebros sitúase en terreos da comunidade de montes de Pedornes, no lugar de O Viveiro, nun espazo con vexetación e arborado próximo ao río Vilar. Nesa zona existen diversos gravados, pero entre eles destaca especialmente o da embarcación mediterránea, un dos petróglifos máis singulares da costa galega que, ademais, é único na fachada atlántica europea.
A representación dun barco cunhas formas que coinciden coas dos modelos mediterráneos do II Milenio a.C. mostra a existencia de relacións entre as culturas atlánticas e as do Mediterráneo xa desde épocas prehistóricas, de aí a importancia desta xoia arqueolóxica da Costa dos Castros.