O Concello de Oia vén de abrir o procedemento público para a adxudicación de dereitos funerarios sobre un total de 16 nichos do cemiterio municipal de Oia. O período da concesión para cada unidade de enterramento (nicho) será dun total de 75 anos.
O prezo de cada unidade será de 1.700 euros, tal e como marca a correspondente ordenanza e regulamento do cemiterio municipal (aprobados en pleno do 30 de xullo de 2009 e publicados no BOP do 29 de setembro de 2009).
As persoas interesadas na concesión dalgún destes nichos deberán presentar a súa solicitude no rexistro ata o día 21 de agosto, día no que remata o prazo. Os requisitos para poder realizar a petición son os seguintes:
- -Non ter adxudicados 3 nichos.
- -Non ter débedas coa Facenda municipal.
- -Abonar o importe da tarifa (1.700 euros/nicho)
A adxudicación realizarase por orde de entrada das solicitudes no rexistro, outorgándose preferencia ás persoas empadroadas no concello de Oia.
O anuncio desta oferta de nichos no cemiterio municipal de Oia está dispoñible para consulta no BOP do 22 de xullo de 2024 e tamén no propio taboleiro de anuncios do Concello.