A alcaldesa de Oia, Cristina Correa, recibiu este venres á deportista Uxía Fernández, veciña de Pedornes, para darlle os parabéns pola súa recente vitoria no campionato de España de bateis e recoñecer a súa brillante traxectoria no club feminino de remo Robaleira.
Uxía Fernández ten 20 anos e actualmente compatibiliza os seus estudos de ADE na Universidade de Vigo coa práctica de remo no club Robaleira da Guarda. O equipo xuvenil feminino, no que Uxía é patroa, alzouse coa medalla de ouro do campionato de España de Bateis 2024 a finais do mes pasado.
A deportista conversou coa rexedora, a tenente de alcalde, Carmen María Estévez, e o concelleiro de Deportes, Modesto Pereira, sobre a súa traxectoria deportiva e sobre como se sinte despois dos recoñecementos obtidos nos seus 10 anos de carreira no ámbito do remo. Os edís tamén se interesaron en coñecer cal é o seu día a día e como se organiza para asistir ás clases, preparar os exames, adestrar e participar nas competicións.
Na conversa, Uxía explicoulles que empezou no mundo do remo hai unha década, cando a animaron a probar a experiencia por se lle gustaba. “Alí fun e xa quedei”, explicaba, lembrando a súa primeira etapa facendo remo en banco móbil e o posterior cambio a banco fixo, que é onde actualmente compite o club. En 2016 chegaba a súa primeira vitoria, co campionato de España de banco móbil coa que se fixo o seu equipo. Unha vez o club Robaleira quedou co banco fixo, o equipo de Uxía quedou terceiro de España en 2021, primeiro de batel en 2022, terceiro de trainerillas en 2023 e, este mesmo ano, outra vez primeiro de España de batel.
Posuidora desta brillante traxectoria, Uxía asegurou sentirse “orgullosa” e recoñeceu que, pese ao sacrificio e esforzo que esixe a práctica deportiva e a competición, “ao final gañar engánchate para volver”. Nese sentido, confesou que moitas veces xorden dificultades á hora de compatibilizar os estudos co deporte e que este ano, en segundo curso de ADE, chegara a barallar a posibilidade de non ter competido.
Pola súa banda, os representantes do goberno local trasladaron os seus parabéns á deportista e animárona a seguir coa gran “disciplina” que demostrou posuír no deporte e na súa vida.
Finalmente, os edís destacaron que a constancia e o esforzo son de grande importancia á hora de acadar bos resultados e mostraron o seu orgullo por contar cunha veciña que, pese á súa xuventude, acumula un amplo palmarés e encarna valores tan importantes.