O Concello de Oia vén de conseguir un investimento de 1,5 millóns de euros destinados á creación de novas infraestruturas turísticas e á diversificación da oferta turística do municipio vinculada ao Camiño de Santiago.
Estas actuacións realizaranse no marco da convocatoria extraordinaria de Plans de Sustentabilidade do Plan Nacional Xacobeo 2021-2022, financiada con cargo aos fondos de recuperación europeos Next Generation.
O obxectivo do Plan de Sustentabilidade desenvolvido polo Concello de Oia é crear novos produtos turísticos da man do sector e crear novas infraestruturas que permitan diversificar a oferta de aloxamento. Tamén se actuará para embelecer diferentes zonas do municipio por onde transcorre o Camiño de Santiago e reforzar a oferta cultural e patrimonial.
Liñas de actuación
As actuacións previstas desenvolveranse no período 2022-2024 e contribuirán a posicionar o municipio como destino turístico slow e de natureza. Entre as principais liñas de actuación incluídas no proxecto está a rehabilitación do antigo cámping Pedra Rubia de Mougás, o cal estará dotado de sistemas de iluminación eficiente, taquillas con sensores e sistema dixitalizado de check in/check out. Tamén contará con xeradores de enerxía cinética mediante bicicletas estáticas e bancos de remo e un sistema de separación de residuos propio.
Por outra banda, dedicaranse fondos á adecuación e mellora das rutas do Camiño de Santiago, así como á posta en marcha de ciclovías e rutas de sendeirismo e BTT. Outras actuacións previstas son a recuperación de terreos degradados para uso construtivo e a apertura dunha convocatoria que permitirá ás pemes turísticas do concello adaptar as súas instalacións seguindo criterios de eficiencia enerxética.
Finalmente, o proxecto inclúe a creación dunha oficina de turismo dixital e a instalación de paneis inclusivos con sistema braille para a sinalización do Camiño de Santiago.