O Concello de Oia vén de crear unha nova ruta de sendeirismo sinalizada no municipio, neste caso un sendeiro circular de 12,5 quilómetros e dificultade moderada (350 metros de desnivel positivo) que une diversos puntos de interese natural, cultural e paisaxístico das parroquias de Burgueira e Loureza.
Tendo en conta a proximidade da Semana Santa, esta actuación convértese nunha nova opción de turismo activo e lecer en Oia, especialmente indicada para as persoas amantes das actividades ao aire libre que, ao mesmo tempo, queren gozar coa paisaxe e descubrir a riqueza patrimonial do municipio.
O novo itinerario entre Loureza e Burgueira une diversos espazos naturais e de lecer nas inmediacións do río Tamuxe, elementos do patrimonio cultural local e puntos desde os que gozar de vistas ao val do Tamuxe e á desembocadura do río Miño no océano Atlántico.
Entre os principais puntos de interese atópanse as pozas de Bugalleira e Loureza, a área de lecer de Pozo do Arco, os núcleos de Loureza, Refoxos e Burgueira, as igrexas de Loureza e Burgueira e diversos elementos etnográficos tales como muíños hidráulicos, pontes e cruceiros, entre outros.
A ruta está sinalizada mediante paneis interpretativos, balizas e frechas, de forma que se pode percorrer sinxelamente de xeito autoguiado. Ademais, baixo o nome ‘Sendeiro Burgueira Loureza’, está dispoñible para a súa consulta e descarga no perfil de Wikiloc do Concello: Sendas de Oia.
A iniciativa contou cun orzamento total de 24.177 euros (IVE incluído). Deste total, 20.000 euros foron financiados a través dun convenio de cooperación entre o Concello e a Secretaría Xeral para o Deporte da Xunta de Galicia, mentres que a cantidade restante foi asumida con fondos propios municipais.
Para o trazado da ruta aproveitáronse espazos, camiños e pistas xa existentes e en bo estado de mantemento: algúns de titularidade municipal e outros, a través da colaboración coas comunidades veciñais de montes de Loureza e Burgueira, de propiedade comunal.