Doce feridos no accidente que tivo lugar este martes pola noite en Oia, no que un autobús bateu contra un cabalo na estrada PO-552, foron xa dados de alta. Presentaban policontusións e feridas leves, polo que pudieron abandonar os hospitais sen maiores consecuencias. Mentres, o resto continúan sendo atendidos: cinco en Vithas Vigo e cinco no Álvaro Cunqueiro. Todos eles cun prognóstico leve ou moderado.
Segundo informou a Consellería de Sanidade, o 061 mobilizou ata o lugar tres ambulancias asistenciais de soporte vital avanzado, doce ambulancias asistenciais de soporte vital básico e os equipos sanitarios dos PAC da Guarda e Nigrán.
Estes recursos asistiron no punto e trasladaron a 22 persoas (18 homes e catro mulleres) aos centros hospitalarios: sete pacientes ao Hospital Álvaro Cunqueiro, sete ao Hospital Vithas Vigo, catro ao Hospital Povisa e catro ao HM O Castro-Nosa Señora do Perpetuo Socorro.
O ferido que reviste maior gravidade, o condutor, foi intervido cirurxicamente dun traumatismo abdominal no Álvaro Cunqueiro e está en Reanimación, aínda que presenta unha evolución favorable. Os outros catro permanecen en Observación no servizo de Urxencias, pendentes de evolución. No referido a Vithas Fátima, un dos feridos foi intervido cirurxicamente este venres pola mañá, mentres que os outros catro ingresaron en planta.
O conselleiro de Sanidade, Julio Garcia Comesaña, achegouse a primeira hora do mércores aos hospitais vigueses para interesarse polo estado dos feridos e agradecer o labor realizado polos servizos sanitarios.