Os tres alcaldes do Val Miñor (Gondomar, Baiona e Nigrán) reclamaron ao goberno da Xunta de Galicia a gratuidade «inmediata» da autoestrada AG-57 como elemento «potencial e dinamizador turístico e comercial para o fomento da bisbarra».
En nome dos tres rexidores e como presidente da Mancomunidade, o alcalde de Baiona, Carlos Gómez, esixiu unha decisión “da que depende en gran medida a recuperación económica dos concellos no prazo máis inmediato”.
A crise sanitaria provocada polo Covid-19, as fases do desconfinamento “que dependerán da evolución da pandemia” e a imposibilidade de facer longos desprazamentos fai que, nestes momentos, “o turismo interior, sobre todo o máis próximo, sexa o que permita aos concellos de Baiona, Nigrán e Gondomar iniciar unha recuperación da economía local, cando menos no prazo máis inmediato”.
Para que iso sexa posible, indica Gómez, “é preciso que as persoas poidan desprazarse con liberdade, algo que en este momento, impide unha peaxe elevada da AG-57”. A medida da gratuidade contribuiría a evitar, en gran medida, as longas retencións nas vías tradicionais que provocan “que ese turismo de proximidade opte por buscar outros destinos de máis fácil acceso”.
Non estaría de máis, afirma o rexedor baionés, que “xa que o sr. Feijóo estivo escondido durante todo este tempo”, delegando nos concellos competencias que son propias da Xunta de Galicia, “e que obrigou ás administracións locais a facer un enorme sobre esforzo. Non estaría de máis que amosara certa gratitude e correspondera a ese sacrificio realizado por Baiona, Nigrán e Gondomar, botando unha man nun asunto que entra, de cheo, nas súas competencias”.
Esta sería, apunta o rexedor baionés, un xeito no que a Xunta de Galicia podería colaborar con Baiona e concellos do Val Miñor e amosar que “de verdade e con feitos lle interesa e preocupa a recuperación económica dos concellos e o benestar dos seus veciños e veciñas”.