A alcaldesa do Porriño, Eva García, solicitou este xoves ao conselleiro de Sanidade que o Sergas realice un cribado masivo na vila ante o incremento de contaxios que vén producíndose nos últimos días. Eva García propuxo a Julio García Comesaña que “retome esa idea que se manexou semanas atrás cando O Porriño estaba cunha incidencia moi elevada pero que logo se desestimou pola melloría”.
A rexedora porriñesa valorou que os datos que lle participou o conselleiro sobre o repunte de casos de Covid-19 “son preocupantes”. O Porriño rexistrou 17 novos contaxios nos últimos 3 días; 30 na última semana e 63 nos últimos 14 días. E ademais a incidencia acumulada das últimas dúas semanas pasou de 180 a 307 positivos por cada 100.000 habitantes, o que supón a máis alta na área sanitaria de Vigo.
A alcaldesa indicou que “de momento” non hai cambios nas restricións que afectan ao Porriño. A vila permanece en nivel medio-alto de restricións. Eva García exhortou á veciñanza a que “sexamos conscientes de que parar o virus está na nosa man e polo tanto seremos responsables das consecuencias na saúde, na economía e na demora na volta á normalidade”.