A Consellería de Sanidade informou este domingo de que o pasado 22 de xuño iniciou a segunda mostraxe completa nas residencias de maiores e outros centros sociosanitarios galegos por mor da covid-19 e está dirixida ás persoas residentes e ao persoal traballador. Polo de agora analizáronse 3.110 mostras, das que 2.107 corresponderon a residentes e as restantes 1.003 a persoal. Todas elas deron resultado negativo,
As mostras están sendo recollidas polos equipos das distintas áreas sanitarias e analízanse no laboratorio de Vigo, a excepción das mostras das Áreas sanitarias da Coruña e Cee e de Santiago de Compostela e Barbanza, que se analizan nos seus propios laboratorios. Está previsto que o cribado remate en todas as residencias en dúas ou tres semanas.
As persoas que viven nunha residencia de maiores atópanse nunha situación de vulnerabilidade ante a infección pola covid-19 por varios motivos como a súa idade avanzada e que habitualmente presentan patoloxías previas ou comorbilidades. Outros factores de risco que lles afectan é que teñen contacto estreito con outras persoas e que adoitan pasar moito tempo en contornas pechadas, con poboación igualmente vulnerable. Ademais, trátase dun colectivo no que a sintomatoloxía da enfermidade pode quedar enmascarada.
Por este motivo, a Consellería de Sanidade en coordinación coa Consellería de Política Social, estableceu un protocolo de actuación para o manexo da crise sanitaria nestes centros. Deste xeito, desde as áreas sanitarias realizouse unha avaliación inicial do estado de saúde de todas as persoas das residencias e, neste momento, realízase seguimento sanitario nelas.