O xefe territorial da Consellería de Educación, César Pérez, anunciou este venres que a Asociación de Nais e Pais de Alumnos do CEIP Javier Sensat está en disposición de manter a prestación do servizo complementario de comedor como o viña facendo ata o de agora. Así o confirmou durante unha visita a este centro público vigués, na que puido comprobar a organización da ANPA e dos equipos directivos para adaptarse ás medidas marcados polo protocolo fronte á Covid-19 ante o inicio do curso.
Segundo informou, tal e como o teñen contemplado, os 85 alumnos comerán “gardando en todo momento a distancia de seguridade e ofrecendo todas as garantías sanitarias que se recollen no devandito protocolo”. Deste xeito, a ANPA deste centro desvincúlase da rede xestionada por Foanpas en Vigo, cuxa asamblea acordara por “unanimidade” non prestar este servizo.
Para a organización do servizo de comedor escolar, os comensais deberán gardar unha distancia de 1,5 metros, estar sentados en oblicuo e con postos fixos para cada un durante todo o curso escolar. Para garantir o servizo a todos os usuarios, a entidade xestora do servizo de comedor pode establecer quendas, utilizar espazos lindeiros ou instalar cristaleiras ou separacións de cando menos de 60 centímetros de altura colocadas directamente sobre o mesado, para o cal non sería preciso manter a distancia mínima.
O xefe territorial aproveitou para lanzar unha mensaxe de tranquilidade ás familias de cara o comezo das clases, pois sinalou que a implicación e organización dos equipos directivos dos centros “está a ser exemplar”.
Segundo dixo, o CEIP Javier Sensat conta cun plan de continxencia no que se recolle “de forma exhaustiva” a redistribución de espazos e as medidas a adoptar a nivel de grupos -con dous desdobres en 5º e 6º de Primaria-, os medios de protección, a limpeza, o uso de espazos ou o protocolo de actuación en caso de detectarse algunha incidencia.
Críticas de Caballero
Pérez foi duramente criticado este venres polo alcalde de Vigo, Abel Caballero. O rexedor olívico pediu á conselleira de Educación, Carmen Pomar, que desautorice ao xefe territorial por asegurar que a negativa de Foanpas a xestionar os comedores responde a motivos políticos.
Caballero censurou estas declaracións dado que, segundo apuntou, Foanpas está formada por nais e pais que nada teñen que ver co mundo da política. O alcalde reivindicou a aportación social da federación de ANPAS viguesa, que non saca rendibilidade económica ningunha da súa actividade.