A Unidade de VIH do Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi) conseguiu que o 98% dos pacientes que controla por coinfección de VIH e de VHC (Hepatite C) acadaran unha resposta viral sostida nesta última infección; isto é, que se curasen da hepatite. Este logro deuse a coñecer con gallo da celebración do Día Mundial contra a Sida, que se celebra este martes, 1 de decembro.
A aparición da Covid-19 supuxo este ano un elemento de risco máis nos pacientes diagnosticados ou controlados con VIH. Nestes momentos, hai 15 pacientes con VIH que presentan infección de coronavirus, aínda que todos eles cunha evolución favorable e que non necesitaron, na súa maioría, ingresar no hospital.
Nos pacientes con VIH non severamente inmunodeprimidos existen os mesmos grupos de risco de infección por Covid-19 que no resto da poboación: hipertensión, problemas cardiovasculares, diabetes ou EPOC.
“A pandemia tivo un impacto na estruturación das consultas e puidemos comprobar que nos pacientes traduciuse nunha sensación de medo. Pouco a pouco estamos a volver a unha certa normalidade en tratamentos e seguimentos”, explica o doutor Antonio Ocampo, integrante da Unidade de VIH do Chuvi.
A cifra de pacientes infectados polo virus da Sida mantívose estable ao longo deste ano con respecto a exercicios anteriores, ao redor de pouco máis dunha trintena de casos novos anuais e algo máis dun milleiro en seguimento. Isto, xunto ao traballo de control dos afectados, permitiu á Unidade cumprir con dous dos tres obxectivos que fixou a OMS, a través do programa ONUSIDA, para este ano.
En concreto, as directrices marcaban que o 90% dos casos estivesen detectados; que o 90% dos afectados recibisen tratamento antirretroviral; e que se conseguise o control viral do 90% dos pacientes.
“Conseguimos cumprir os dous últimos obxectivos do programa ‘90-90-90’. É máis, podemos afirmar que no terceiro apartado superamos as expectativas, cun control viral do 98% dos nosos pacientes que cumpren o tratamento; pódese considerar un éxito conseguir esta cifra de pacientes que manteñen a adherencia aos medicamentos”, explica Antonio Ocampo.
A Unidade de VIH do Chuvi está integrada por tres facultativos, dous enfermeiras, unha TCAE e dous monitores de ensaios clínicos. A Unidade colabora habitualmente con varias ONG para chegar aos distintos sectores sociais da Área Sanitaria de Vigo.
Novo protocolo de medicación
A Unidade VIH ultima o establecemento dun novo protocolo de tratamento, que suporá un avance máis no incremento da adherencia dos pacientes ás pautas de prescrición.
O protocolo consiste en substituír, sempre que sexa posible, a administración diaria de medicamentos por vía oral por outro tratamento que evitaría a toma de comprimidos. Realizaríase a través de inxeccións intramusculares cada dous meses. “Un procedemento no que o traballo das profesionais de enfermaría será fundamental, máis do que xa o é na actualidade”, salienta Antonio Ocampo.
O protocolo, que estará listo no próximo ano, levará consigo, para lograr que o tratamento sexa estándar, unha reestruturación do actual sistema de consultas que se realiza no Hospital Álvaro Cunqueiro, sede da Unidade de VIH.
O perfil do paciente habitual da Unidade de VIH cambiou nos últimos anos e pode afirmarse que está consolidado; é dicir, xa non se trata de persoas de baixo nivel social e con problemas de consumo habitual de drogas. Agora, maioritariamente, trátase de persoas contaxiadas por enfermidades de transmisión sexual. “Detectouse unha relaxación importante nos últimos tempos neste ámbito, sobre todo na prevención mediante o uso de preservativos”, sinala.
As enfermidades de transmisión sexual son a principal causa de infección que se atende nestes momentos nas consultas. Aumentan de forma exponencial e detéctanse moitos casos polo traballo de rastrexo realizado, que é fundamental. Soamente chega á consulta algún caso de VIH por adicción de drogas, pero cun perfil moi concreto: problemas sociais ou sen acceso a recursos sociosanitarios.
“Da mesma forma, lográronse avances no control da displasia anal, con recoñecementos a nivel internacional dos traballos realizados aquí, en colaboración co cirurxián Mauricio Iribarren, que xubílase estes días”, recalca o doutor Ocampo.