O servizo de Psiquiatría da área sanitaria de Vigo vén de poñer en marcha dous protocolos de actuación para reforzar e axilizar a atención de saúde mental durante a pandemia do COVID-19. Trátase dun protocolo específico para a asistencia de pacientes e familiares e outro dirixido ao persoal que traballa nos centros sanitarios.
As actuacións descritas nestas guías teñen por obxecto facilitar e achegar dun xeito rápido e eficaz a atención dos especialistas en saúde mental a estes grupos. Estes protocolos habilitan canles directas de comunicación para os profesionais de atención primaria e hospitalaria a fin de que poidan realizar interconsultas ou consultas rápidas mediante conexión telefónica ou correo electrónico.
Así, habilitáronse teléfonos internos específicos e un novo correo electrónico para esta finalidade. Para atender estas vías de comunicación designáronse dous equipos de psiquiatras e psicólogos clínicos de referencia, que se encargan de coordinar e canalizar as demandas de atención e axilizar a toma de decisións.
O protocolo destinado aos profesionais sanitarios inclúe, ademais, o documento que publicou recentemente a Sociedade Española de Psiquiatría (SET) para atallar os riscos psicolóxicos pola pandemia provocada polo coronavirus COVID-19.
Segundo afirma o xefe do servizo de Psiquiatría, José Manuel Olivares, “os profesionais sanitarios teñen que enfrontarase a diario a algúns retos que puideran xerar problemas psicolóxicos”. “Algúns deles son desbordamento da demanda asistencial, o temor ao risco de contraer a enfermidade, a incomodidade dos equipos de protección, o manexo da angustia e desconsolo das familias afectadas, a tensión nas zonas de atención directa, ou os dilemas éticos e morais”, engade.
As reaccións a estas situacións intensas poden ser emocionais (ansiedade, impotencia, frustración, medo, culpa, irritabilidade, tristeza, anestesia emocional); de conduta (hiperactividade, illamento verborrea, choro incontrolado ou dificultade para o autocoidado o descanso ou a desconexión do traballo); cognitivas (confusión, dificultades de concentración, dificultades de memoria, pensamentos obsesivos e dúbidas, pesadelos, fatiga por compaixón, negación ou sensación de irrealidade) e físicas (dificultades respiratorias, suor excesiva, tremores, cefaleas, mareos, molestias grastrointestinais, contracturas musculares, taquicardias, esgotamento físico, insomnio ou alteracións do apetito).
Coidarse para coidar aos demais
Para facer fronte a estas situacións que poden vivir os profesionais sanitarios durante esta pandemia os especialistas fan unha serie de recomendacións de comportamento e conduta, co obxectivo de “coidarse a si mesmo para poder coidar aos demais”.
As posibles pautas a seguir son coidar as necesidades básicas (comer, beber e durmir regularmente), descansar (evitar a sensación de culpa por non estar a traballar), planificar rutinas fora do traballo (exercicio físico, lectura, chamadas a seres queridos), manter o contacto cos compañeiros, respecto ás diferenzas de criterios con compañeiros ou pacientes, compartir información construtiva, manterse conectado coa familia, manterse actualizado con informacións fiables, permitirse pedir axuda, compartir as emocións con alguén que transmita seguridade, utilizar técnicas que sexan útiles para a desactivación emocional, e recoñecer o labor do equipo asistencial.