O Diario Oficial de Galicia publica este mércores a orde da Consellería de Sanidade pola que se encomenda aos profesionais sanitarios de último ano de formación de determinadas especialidades, o exercicio das funcións de facultativo adxunto especialista, médico de atención primaria, pediatra de atención primaria ou enfermeiro especialista durante a xestión da situación de crise sanitaria ocasionada polo COVID-19.
Así, a Xerencia da área sanitaria de Vigo realizará esta oferta a un total de 39 residentes no seu último ano de formación: 16 en Medicina familiar e comunitaria, dous en Anestesia e Reanimación, catro en Pediatría, un en Pneumoloxía, dous en Radiodiagnóstico, un en Xeriatría, un en Medicina Intensiva, dous en Medicina Interna, catro en Enfermería Pediátrica e seis en Enfermería Familiar e Comunitaria.
A prestación será voluntaria e requirirá informe favorable provisional da comisión de docencia. O persoal percibirá as retribucións das categorías de médico e enfermeiro correspondentes, e tamén lle serán computados os servizos prestados para futuras OPE e demais procesos de provisión.