A área sanitaria de Vigo pon en marcha o sistema de ‘autocita’ de cribados para a detección da Covid-19, unha nova estratexia para incrementar as probas diagnóstica na poboación sen síntomas. Así, a partir deste mércores, 14 de xullo, a poboación con idades comprendidas entre 16 e 35 anos poderá inscribirse a través da internet para pasar unha PCR. A Consellería de Sanidade activou un espazo propio na web dedicada á pandemia en Galicia. O único criterio de exclusión é estar en situación de illamento domiciliario ou en corentena.
As persoas inscritas serán citadas a través dunha mensaxe SMS no ‘covid-auto’ do hospital Álvaro Cunqueiro, de luns a venres en xornada de tarde, onde se lles tomará unha mostra nasofarínxea para o seu procesamento. Esta nova medida, que vén a sumarse á anunciada este luns de realizar probas masivas nos campamentos de verán, adoptouse tras a baixa participación rexistrada nos últimos cribados entre a xente nova e á vista do incremento da incidencia da Covid-19 neste grupo de poboación. Do mesmo xeito, axudará a obter a proba negativa necesaria para poder entrar nos locais de ocio nocturno. Este requisito esíxese nos municipios encadrados no nivel medio de restricións.
Neste contexto, este mércores desenvolveranse test nos campamentos de verán previstos en Cangas do Morrazo. Ata alí vaise trasladar persoal sanitario para realizar a proba PCR a un total de 80 mozos e mozas que participan nos campamentos do IES Rodeira, IES San Roque, CEIP Espiñeira e CEIP Castrillón. A continuación, as probas estenderanse por máis concellos da área sanitaria olívica.