A área sanitaria de Vigo vén de pór en marcha unha estratexia para realizar un cribado, mediante a realización da proba PCR, a 20.000 persoas e detectar aquelas positivas que non presentan síntomas clínicos de Covid-19 Trátase dunha iniciativa para vixiar e frear a circulación do virus. En vez de esperar a aparición de pacientes con síntomas, efectúase unha acción proactiva de busca e identificación dos asintomáticos, para controlar o antes posible os brotes da enfermidade.
O obxectivo é captar ao maior número de persoas que estean infectadas pero que non presenten clínica, xa que supoñen un gran risco para a saúde pública; ao ter un bo estado de saúde, continúan desenvolvendo a súa vida habitual e, polo tanto, poden ser potenciais contaxiadores e estar contribuíndo á expansión do virus.
Así, vaise invitar a participar neste cribado a aquela poboación de referencia dos centros de saúde da cidade que cumpran determinados requisitos: estar no rango de idade entre 20 e 60 anos, non ter realizada unha proba PCR nas últimas 2 semanas e dispor dun teléfono móbil rexistrado no sistema de avisos ‘Lembra’ que autoriza ás autoridades sanitarias a enviar notificacións a través de mensaxes SMS.
As persoas seleccionadas son contactadas polo Servizo Galego de Saúde e invitadas a realizarse a proba diagnóstica PCR. A súa participación é completamente voluntaria. Se deciden aceptar, se lles facilita unha cita -con día e hora- para achegarse ao dispositivo sanitario no que se lle tomará unha mostra nasofarínxea para o seu procesamento.
Dependendo do volume de poboación que acepte realizarse a proba, e tendo en conta criterios de proximidade e accesibilidade, se decidirá o punto de extracción da mostra. Poderán ser citados nos Covid-Auto ou nalgún outro tipo de instalación como pavillóns deportivos ou centros socioculturais.
Esa fin de semana xa están invitadas a realizarse o test diagnóstico 2.000 persoas de referencia do centro de saúde de Sárdoma, que foron citados no Covid-Auto do Hospital do Meixoeiro. De seguido, vaise convocar á poboación seleccionada do centro de saúde de Lavadores, outras 2.000 persoas.
Desde a xerencia da área sanitaria espérase acadar “a máxima participación” nesta iniciativa e apélase a “solidariedade” da poboación de Vigo para que aqueles que sexan invitados a participar, colaboren con esta medida, que pode resultar de gran impacto na loita contra o virus.
Cribado a traballadores de sectores sociais
Ademais, de xeito simultáneo estase realizando un cribado mediante PCR aos traballadores dos diferentes programas sociais dalgunhas ONGs e concellos da área sanitaria de Vigo.
Trátase de persoas que presentaban maior vulnerabilidade, con maior risco de contaxiarse de Covid-19 pola súa dedicación a unha actividade profesional ou social vinculada a traballos que esixen dun alto nivel de interrelacións persoais: persoal dos programas de Servizo de Axuda ao Fogar, da Infancia e Familia, Coidadores de Barrio e Persoal de Servizos Sociais Comunitarios Básicos.
Polo de agora, xa se realizaron a proba 800 traballadores dos concellos de Vigo, Porriño, Mos, Salvaterra, Crecente e Ponteareas. Nos próximos días se irá estendendo ao resto dos concellos.