A Unión Comarcal de Vigo da CIG alertou este venres de que moitos traballadores están sendo expostos a contaxio por coronavirus ao seren obrigados a acudir de modo presencial aos seus empregos “sen as mínimas garantías preventivas”. Ante isto, a central nacionalista denunciou a inacción da Inspección de Traballo e mais da Xunta perante esta situación.
“En medio dunha crise sanitaria sen precedentes vemos como a irresponsabilidade do empresariado está poñendo en risco a saúde de millares de traballadoras e traballadores e comprometendo a eficacia do confinamento social, imprescindíbel para frear a propagación deste virus”, advirte o secretario comarcal da CIG-Vigo, Alberto Gonçalves.
Gonçalves deu conta de que o sindicato está a recibir un importante número de denuncias a este respecto. “Falamos de centros de chamadas, de empresas da industria do metal pero tamén de actividades no sector servizos (mesmo na atención a grupos de risco como as persoas maiores), onde por falla de medios e medidas preventivas se está a expoñer a contaxio por coronavirus ás traballadoras e traballadores e as persoas coas que conviven”, explica.
Desde a CIG subliñan que Vigo é arestora un dos principais focos da epidemia en Galicia, con 509 casos reportados, e por iso entenden necesario denunciar publicamente a inacción da Inspección de Traballo e da Dirección Xeral de Saúde Pública, que “permiten que millares de traballadores e traballadoras sigan arriscando a súa saúde e as súas vidas”.
“É intolerábel que en medio dunha emerxencia sanitaria sen precedentes, as autoridades laboral e sanitaria ollen para outro lado e non actúen tendo constancia dos incumprimentos en materia preventiva en moitos centros de traballo. Coa súa inacción son cómplices. Esiximos que actúen de inmediato e con firmeza”, reclama Gonçalves.
Bucle burocrático
No actual contexto de emerxencia sanitaria polo coronavirus, a autoridade laboral competente no que ten a ver con determinar a suspensión de actividade nos centros de traballo por incumprimento das medidas preventivas pasou a ser a Dirección Xeral de Saúde Pública da Xunta.
Con todo, segundo apunta a central nacionalista, este organismo “non está a actuar nin de oficio nin a instancia das denuncias dos comités de empresa” e remite á Inspección de Traballo, que non está a realizar visitas e que unicamente traslada advertencias ás empresas. “Neste bucle burocrático, onde a Inspección di non poder actuar para alén de informar, e onde a Xunta non actúa nin sendo informada, quen perde son as traballadoras e os traballadores que se ven obrigados a acudir modo presencial aos seus empregos mesmo cando as empresas, de maneira case criminal, non garanten as mínimas condicións para evitar contaxios”, reprochan.
Un exemplo claro desta situación, para a CIG, viviuse a semana pasada no centro de chamadas de Unísono en Vigo, onde a pesar de rexistrarse un positivo por Covid-19 non había nin medios preventivos nin se garantía a mínima distancia de seguridade, con “centos de traballadores amoreados no centro”. “O de Unísono un exemplo de situacións que se están a dar nun número importante de centros de traballo, onde a irresponsabilidade empresarial e a inacción da Xunta están poñendo en risco a saúde e mesmo a vida dos traballadores e traballadoras”, apunta Gonçalves.
Parar a actividade non esencial
A central nacionalista, que é a primeira forza sindical tanto na comarca como no conxunto de Galicia, insiste na necesidade de reducir ao mínimo imprescindible a actividade produtiva e laboral non esencial, considerando unha irresponsabilidade prolongar o estado de alarma sen adoptar esa medida.
“Na CIG reclamamos desde o inicio do estado de alarma a paralización de toda a actividade produtiva non esencial. Facémolo porque o fundamental hoxe é salvar vidas e reducir ao mínimo o risco de contaxio. Porque a saúde da clase traballadora non pode protexerse co confinamento só durante a fin de semana”, afonda o secretario comarcal da CIG-Vigo.