A CIG desenvolveu este martes unha mobilización diante da Residencia Geriátrica Salvatierra, centro intervido recentemente pola Xunta polo contaxio masivo por coronavirus entre persoal e residentes, para reclamar que se depuren responsabilidades xa que que a central leva dende 2017 denunciando a falta de persoal e as deficiencias nas instalacións e na atención. Esta residencia saltou ao primeiro plano da actualidade unha vez que o persoal do Sergas se incorporou ao centro para reforzar o cadro de persoal e comezou a facer públicas as condicións nas que se atopan as instalacións e os residentes.
«Levamos anos denunciando na Inspección de Traballo, na inspección de maiores da Xunta, no Concello de Salvaterra e no Xulgado a situación da residencia, sen que ningún dos organismos teña feito nada», aseguran desde o sindicato. A central mesmo organizou unha protesta diante das instalacións para «rexeitar a campaña de acoso laboral e os despedimentos por parte da dirección como represalia ás traballadoras afiliadas da CIG que decidiron presentarse ás eleccións sindicais».
Tal e como explicou Mercedes Domínguez, da CIG do Porriño, ao remate da concentración celebrada hoxe o inicio dos problemas na residencia remóntanse a 2016, cando recibiu o concerto das súas primeiras 24 prazas públicas. “Este feito, e a irrupción na dirección da compañeira sentimental do propietario, provocaron unha tensión laboral insoportábel, nun cadro de persoal xa de por si precarizado”.
A comezos de 2017 un grupo de traballadoras afiliadas da CIG decidiron poñer en coñecemento da Inspección de Traballo, da inspección de maiores da Xunta, do Concello de Salvaterra e do Xulgado do Social “a situación de acoso, de excesiva carga de traballo e de absoluta falta de medios”. Domínguez sinala que xa daquela advertiron que esta situación estaba a danar gravemente a saúde física e mental das persoas usuarias e traballadoras.
“Mais o sistema machista e capitalista pasou por enriba de nós, coa colaboración de CCOO, da propia Xunta, do Concello e do Xulgado; o propietario saíu reforzado, e pagando as indemnizacións por despido que reclamabamos deu por rematada a intervención da CIG neste centro de traballo”. Segundo critica, esta problemática dáse tamén noutros centros de traballo, “e son moitos os empresarios sen escrúpulos que se lucran deste sector”. “A filosofía de xestión que se aplica en case todos os centros privados de coidado ás persoas é a que ben explica o señor patrón desta residencia cando di que isto é un negocio, e que cando un vello morre, a Xunta mándalle outro”.
A CIG denuncia tamén que «todo isto sucede coa complicidade necesaria do propio Goberno da Xunta, un Goberno responsábel e culpábel desta situación. Lembremos que despois das denuncias recentes, e tras 14 mortes no centro, Feijóo saíu ao rescate afirmando que atención nesta residencia seguía a ser a axeitada; por iso dicimos que consinte e promove o abandono e o maltrato promovendo un sistema que deixa as prazas públicas en mans de miserábeis e maltratadores”.
Para soster esta afirmación botou man dos datos: a proposta que no seu día achegara a CIG para a mellora da atención, limpeza e cociña deste centro traducíase nun cadro de persoal de 77 persoas e un prezo diario de atención de 57 euros/día por residente. “Pois ben, a Xunta paga hoxe a praza concertada entre 53 e 56 euros día/persoa incluída a residencia, atención e manutención; a ratio de persoal calculada pola Xunta é totalmente insuficiente e trampeira; non hai, nin pode haber con este custe, unha soa intervención con sanción da inspección de maiores en todo o país”.
Afirman que o cadro de persoal da Residencia Geriátrica Salvatierra ronda as 50 persoas, cun gasto que non chega aos 40 euros/día por residente. “Para chegar a ese número, para sacar cartos desta miseria, para que o capital siga acumulando, hai que maltratar mulleres e desamparar a clase traballadora dependente”. Finalmente, agradeceulle ás traballadoras que denunciaran publicamente as prácticas e as deficiencias existentes na residencia, “porque sen o seu compromiso e valentía hoxe non teriamos a oportunidade de que a nosa denuncia transcendese á opinión pública”.