A Deputación de Pontevedra lanzará en menos dunha semana a liña para achegar o 1% do seu orzamento aos sectores afectados pola pandemia. Así o anunciou este venres a presidenta, Carmela Silva, quen informou que o organismo provincial “ten xa todo preparado”. Silva sostivo que “nós si cumprimos cos nosos compromisos” e adiantou que o 12 de febreiro aprobarase nun pleno extraordinario o suplemento de crédito para destinar o 1% do orzamento, 1.640.000 euros, aos concellos para que xestionen as axudas que serán directas e finalistas para os sectores afectados. En total, sumando estes 1,6 millóns e os 6 millóns que a Deputación xa habilitara a través da liña 1 do Plan Concellos, os municipios teñen a súa disposición máis de 7,6 millóns de euros para apoiar aos sectores que se viron obrigados a pechar ou afectados polas restricións impostas pola Xunta de Galicia.
O novo programa de axudas da Deputación de Pontevedra “atende a criterios obxectivos, é áxil e tamén coherente, dando resposta inmediata aos compromisos adquiridos”. “Pediamos o 1% do orzamento e que os recursos fosen xestionados dende os concellos -asegurou Carmela Silva- e isto é o que imos aprobar este próximo venres”. Amais, os recursos van chegar “de xeito inmediato porque temos xa establecido o reparto, que atende ao criterio de poboación”. Neste mesmo eido a presidenta informou que “ao día seguinte ao da publicación deste suplemento de crédito os concellos poderán xa solicitar os recursos e, para axilizar aínda máis o proceso, a Deputación adiantará as contías, achegándoas trala simple presentación da solicitude de cada concello e sen agardar á xustificación”. Amais, engadiu a presidenta, “no caso de que algún concello decida complementar esta axuda directa e finalista aos sectores afectados con recursos do 20% da liña 1, tamén adiantaremos esas contías de xeito inmediato”.
Carmela Silva aproveitou a ocasión para recordar que as competencias en actividades económicas “son exclusivísimas da Xunta de Galicia que é a que ten que habilitar os recursos”. A presidenta insistiu en que a Xunta recibiu 224 millóns de euros no 2020 do Goberno do Estado aos que se sumarán outros 441 que recibirá neste 2021: “Onde están eses recursos? A que se van destinar?, preguntou A Xunta ten capacidade sobrada para crear un verdadeiro plan de rescate para os sectores afectados pola pandemia”. Sen embargo, “en oito meses, dende que se declarou o Estado de Alarma en marzo e ata novembro, a Xunta de Galicia non fixo nada” lamentou, ao tempo que recordou as 7 cartas remitidas dende a institución provincial á administración autonómica para reclamar unha reunión e facer fronte á situación. “Debería avergoñar á Xunta o feito de obrigar ao Clúster de Turismo a convocar ás administracións para falar dun plan de rescate” asegurou a presidenta quen tamén destacou a vontade do mundo local de aportar en todo momento o 1% dos recursos “pese a non ter competencias nin recibir recursos extraordinarios”.
Silva recordou que o acordo entre a Xunta, a Fegamp e as deputacións provinciais non foi posible porque “a Xunta se negou a aportar o 1% do seu orzamento e a que fosen os concellos os que xestionasen estas axudas, como así acontece co modelo Valencia que tanto defenden”. Con respecto a este modelo, Silva detallou que conta cun orzamento de 380 millóns de euros dos que só 160 son acordados entre a Generalitat, as deputacións e os concellos, mentres que os 220 restantes os achega directamente a Generalitat. “Nós defendemos este modelo, un modelo que en Galicia, por poboación, tería que contar con 250 millóns”. Fronte a esta contía, e atendendo á información que deron a coñecer as delegadas e os delegados da Xunta de Galicia nas provincias, a aportación da administración autonómica suma “38 millóns de euros e non os 80 millóns dos que falan. Menten. Amais, os 75 millóns de € que vai aportar agora non foi decisión da Xunta, foi produto da presión das deputacións provinciais e da Fegamp”, rematou.