Ante a nova situación declarada no estado pola crise do COVID19, a Deputación de Pontevedra decidiu este venres pechar ata novo aviso todas as oficinas de turismo dependentes da institución, así como todas as dependencias do Servizo ORAL na provincia.
A presidenta, Carmela Silva, asinou a súa sétima resolución en tres días para suspender de xeito indefinido a atención presencial ao público. O Goberno provincial recomenda que para calquera trámite, a cidadanía utilice as canles telefónicas e telemáticas. No caso das oficinas de turismo o número de contacto é o 886 211 700. Para as consultas relacionadas co Servizo ORAL a atención telefónica farase ao través do 886 211 400, e de forma telemática na Oficina Virtual Tributaria.
Amais, Carmela Silva e o vicepresidente César Mosquera informaron das medidas que se están a tomar. “A nosa maior preocupación é Príncipe Felipe”, asegurou Silva quen adiantou que se vai reforzar o servizo de enfermería e a vixilancia. A presidenta apelou tamén á responsabilidade “para que a xente quede na casa”, e amosou a vontade de estar ao lado das administracións competentes. “Este é un momento para que todas e todos esteamos xuntas e xuntos traballando da man”, dixo. Igualmente, Silva quixo lanzar unha mensaxe de serenidade: “Estamos preocupadas e preocupados pero se facemos caso ao que nos están dicindo as autoridades a posibilidade de superar esta situación será altísima”.
Silva fixo fincapé na situación de Príncipe Felipe, “a nosa maior preocupación”. A presidenta asegurou que as nenas e os nenos teñen que ser “a nosa prioridade” e detallou medidas que se están a tomar como os espazos habilitados por se hai algún caso de coronavirus ou o reforzo da seguridade e do servizo de enfermería. Ao respecto, a presidenta asegurou que “somos conscientes de que non vai ser fácil porque todo o persoal sanitario está a traballar, pero ímolo intentar”. Do mesmo xeito tamén se vai reforzar o servizo de vixilancia, dobrando o número de efectivos que habitualmente traballan no centro.
En relación ao centro de día de Príncipe Felipe a presidenta asegurou que “consultamos a política social que nos ten informado que deben quedar na casa. Todo o que ten que ver con Príncipe Felipe preguntámolo a política social que son os que deben avaliar as medidas que estamos a implantar”. Sen embargo, asegurou a presidenta, “hai rapaces e rapazas que viven situacións de especial vulnerabilidade, con problemas serios incluso para ter alimentación diaria, así que debemos ter unha especial sensibilidade cara esas nenas e nenos e por iso imos pedir que aqueles/as nesta situación poidan pasar do centro de día a converterse en residentes”.
Silva pediu á cidadanía “que queden na casa, que empreguen as vías telemáticas e telefónicas na súa relación coa administración. Non queremos que as nosas funcionarias e funcionarios corran perigo pero tampouco que o corra a cidadanía”. A presidenta provincial, dende a serenidade, amosou a súa preocupación e informou que “se facemos caso ao que nos están dicindo as autoridades, a posibilidade de superar esta situación será altísima”.
Pola súa banda, César Mosquera subliñou que a Deputación realizará o “máximo esforzo” para evitar que a pandemia do Covid-19 sexa máis grave do que está a ser tomando as medidas necesarias en función da evolución dos datos e situacións. O vicepresidente recoñeceu a existencia dunha crise sanitaria e destacou que non é o momento de discutir “se se fai mellor ou peor”, senón de actuar cada un na medida das súas posibilidades por responsabilidade, tanto a administración como a cidadanía. Parafraseando a Kennedy destacou que é o momento de pensar “non só que pode facer o sistema sanitario e de saúde pública por nós, senón que podemos facer nós polo sistema sanitario e de saúde pública”.
Comité de Seguimento
A Deputación de Pontevedra reuniu pola mañá ao Comité de Seguimento do COVID19 para avaliar as medidas que xa se foron poñendo en marcha na institución provincial. Ademais, nesta reunión decidiuse propor á oposición forme parte do mesmo, algo que o PP aceptou na posterior reunión da xunta extraordinaria de portavoces, así como fixar as reunións conxuntas os martes e os xoves, e avaliacións diarias por parte da presidenta e vicepresidente, por se houbese que facer modificacións sobre as medidas adoptadas. “De todas elas foise informando a todas as funcionarias e funcionarios, á corporación provincial e aos sindicatos. Transparencia e información total e absoluta de cada unha das decisións”.
Tamén esta mesma mañá tivo lugar unha reunión entre o deputado de Réxime Interior e Persoal, Carlos López Font, e as xefaturas de servizo, para agradecer a implicación do persoal, pedirlles que lideren a aplicación das medidas que impulsou a institución provincial, que trasladen propostas ao Comité de Seguimento e garantan a serenidade entre o persoal.