A Deputación de Pontevedra, trasladou nas últimas horas á Xunta de Galicia a suxerencia de poder aplicar os test de dobre banda ao persoal daquelas empresas galegas de máis de cen traballadoras e traballadores. Trátase dunha demanda de alcaldes e alcaldesas da provincia, que remitiron á institución provincial, recollendo a preocupación do persoal sanitario de atención primaria dos seus municipios.
Nunha carta remitida hoxe ao presidente Núñez Feijoo, a presidenta provincial, Carmela Silva, sinala que “aínda que a totalidade das empresas e industrias están a facer un esforzo enorme para garantir a seguridade do seu persoal, é certo que moitos medios de producción obrigan a contactos interpersoais que poden ser foco de contaxios”.
Por elo, engade, “para evitar posibles crecementos da pandemia e garantir unhas axeitadas condicións de prevención, propóñennos que solicitemos á Xunta a posibilidade de facer test de dobre banda en todos aqueles centros de traballo nos que, pola súa casuística de acumulación de persoal, determinen as autoridades sanitarias”.
A presidenta da Deputación de Pontevedra remata a súa carta dicindo que “queremos que entenda esta petición como unha achega con ánimo propositivo que axude a erradicar, na medida do posible, a propagación do COVID19 entre a cidadanía”.