O inicio do segundo cuadrimestre nas tres universidades galegas adíase ata o 8 de febreiro, en lugar de arrancar como estaba previsto o día 1, e farao en modo totalmente virtual. Deste xeito, a docencia será en liña para todas as titulacións, como mínimo, ata o día 17 de febreiro, segundo confirmou este luns o presidente da Xunta de Galicia, Alberto Núñez Feijóo, na rolda de prensa na que deu conta das novas medidas adoptadas polo Goberno autonómico para facer fronte á terceira onda da Covid-19.
Malia esta medida, os exames do primeiro cuadrimestre que xa estaban previstos realizaranse de xeito presencial. “Este tempo servirá para organizar a docencia, aínda que xa estaba preparado o plan de continxencias”, explicou o reitor, Manuel Reigosa, Así mesmo, ao non contemplarse polo de agora un confinamento, “tanto o PDI, como o PAS poderemos seguir acudindo aos postos de traballo, polo que non é preciso tomar medidas nin referidas a investigación, transferencia e xestión mais aló dos acordos xa tomados nas mesas de negociación de PDI e PAS e á organización consensuada das actividades”, detalla o reitor.
Sobre as novas medidas implantadas pola Xunta, Reigosa agarda que os membros da Universidade de Vigo “volvan a dar o mellor de si, tentando que esta situación desfavorable non produza efectos negativos nas actividades universitarias”. O reitor amósase consciente “das dificultades que nos imos a atopar, pero sabemos que somos quen de acadar o éxito nas nosas obrigas”.
Como xa ocorreu durante case seis meses do pasado curso, a UVigo retomará a docencia virtual entre o 8 e o 17 de febreiro, despois de iniciar este curso 2020-21 compaxinando a docencia presencial nunha vintena de graos e 30 mestrados, co sistema mixto que alternaban as clases na aula coa virtualidade. A tal efecto, a UVigo creou o Campus Integra, unha contorna que permite conxugar o Campus Remoto ou xemelgo dixital da UVigo coa presencialidade, proporcionando o soporte adecuado para os tres posibles escenarios de docencia previstos para este curso (presencial, mixto ou totalmente telemática), permitindo a docencia simultánea a alumnos na aula física e na aula virtual. Así mesmo, a Universidade conta desde este curso co novo portal de teledocencia, Moovi, unha medida que se enmarca no plan de mellora deseñado para facilitar o proceso de adaptación á docencia en liña. O sistema actual, FaiTic, segue ademais activo durante todo o curso, aínda que non permite crear contidos novos.
Desde o 21 de setembro de 2020, día do inicio oficial do actual curso académico, ata este luns 25 de xaneiro de 2021, rexistráronse na UVigo un total de 249 positivos por Covid-19 entre os 20.735 integrantes da comunidade universitaria, dos que 221 corresponden a alumnado, 22 a PDI e 6 a PAS. En canto aos casos activos nos últimos 10 días o número elévase a 22.
Co obxectivo de salvagardar a saúde da comunidade universitaria desde o inicio do curso na UVigo adoptáronse medidas excepcionais: uso de máscara obrigatoria, espazos con capacidade reducida e posta en servizo doutros, códigos QR nas aulas para rastrexar contactos ante un posible contaxio e realización de probas PCR a persoal e alumnado.