As clases presenciais non se retomarán na Universidade de Vigo e no resto de centros de ensinanza superior de Galicia neste curso 2019-2020. Así o decidiron este luns a conselleira de Educación, Universidade e Formación Profesional, Carmen Pomar; o secretario xeral de Universidades, José Alberto Díez de Castro; o director da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia (ACSUG), Eduardo López, e os reitores, Manuel Reigosa (UVigo), Antonio López (USC) e Julio Abalde (UDC). Nunha xuntanza mantida pola mañá por videoconferencia acordouse, tal e como solicitaron os tres reitores, manter o calendario académico pero sen retomar as clases presenciais no que resta de ano académico.
A medida chega tras confirmar o Goberno central que o estado de alarma se vai prorrogar ata o 25 de abril e que aínda podería alongarse máis. En calquera caso, a conselleira informou aos tres reitores de que desde a Secretaría Xeral de Universidades se lles enviarán unhas instrucións comúns para asegurar a calidade do ensino virtual.
Para garantir que todo o alumnado poida completar o curso de xeito virtual, a Universidade de Vigo porá en marcha as medidas precisas para solucionar os problemas derivados da fenda dixital, de xeito que se garanta o acceso de todo o alumnado ás ferramentas telemáticas. O reitor vigués explica que a institución é consciente de que existe estudantes que teñen difícil acceso a internet ou problemas económicos familiares para poder contar coas ferramentas precisas. Por isto, a UVigo chegou a un acordo cunha empresa telefónica a través da cal o alumnado que se atopa nestas situacións recibirá nas súas casas un dispositivo “para poder seguir as clases en liña con normalidade” a partir do próximo 13 de abril.
Escenario de avaliación non presencial
Na reunión deste luns as partes acordaron xuntarse novamente a finais de abril para definir tanto o calendario como o modelo de avaliación, en función da evolución da alerta sanitaria. O obxectivo é consensuar unhas condicións comúns que aseguren a equidade de todo o alumnado galego, independentemente da universidade na que curse os seus estudos.
Neste sentido, Reigosa avanza que nas próximas semanas as universidades e a Consellería seguirán analizando distintas posibilidades para facer fronte aos diferentes escenarios de avaliación. “Non sabemos aínda se se poderán facer exames presenciais aínda con certas condicións ou se terán que ser virtuais, polo que o que nos toca é prepararnos para calquera escenario, incluíndo unha posible avaliación online”.
Dentro da modificación das guías docentes das diferentes materias, explica o reitor, tratarase de darlle “un peso máis forte á avaliación ao longo do tempo fronte ao exame final”. Con todo, Reigosa adianta que a finais destes mes, universidades e consellería terán acordada unha ferramenta que permita “afrontar con garantías” a avaliación non presencial no caso de non poder realizarse probas presenciais. Tanto os tres reitores como a Consellería coincidiron na necesidade de tomar todas as decisións no marco dun consenso e coordinación que permita ofrecer a maior certeza ao alumnado.
Por outra banda, Carmen Pomar solicitou aos tres reitores que poñan en coñecemento tanto da Consellería como da Axencia para a Calidade do Sistema Universitario de Galicia as modificacións que se fagan nas guías docentes e que estuden de forma minuciosa coa ACSUG as posibilidades para abordar as prácticas en funcións das particularidades de cada titulación.
ABAU extraordinaria: 15, 16 e 17 de setembro
Outros dos temas que se abordaron nesta xuntanza é ampliación das datas para a proba extraordinaria da ABAU ata o 17 de setembro, despois de que Galicia e outras CCAA o solicitasen na última Comisión Delegada de Política Universitaria.
Con este novo calendario, a conselleira reuniuse tamén con membros da Comisión Interuniversitaria de Galicia (CIUG, con representación das tres universidades) para fixar as datas da ABAU extraordinaria, que en Galicia se celebrará os días 15, 16 e 17 de setembro.
Cómpre lembrar que, nunha reunión mantida o pasado 30 de marzo, a Consellería e a CIUG acordaron fixar nos días 7, 8 e 9 de xullo as datas da convocatoria ordinaria da ABAU en Galicia para este ano. Nas próximas semanas, e en función do que se acorde a nivel estatal, afondarase tamén no modelo de exame que, segundo coinciden CIUG e Consellería, debería ser similar ao habitual para darlle tranquilidade ao alumnado, que vén traballando sobre un determinado tipo de exercicios para preparar as probas.