Nas conserxerías dos centros e dos edificios administrativos prosegue a entrega ao persoal docente e investigador (PDI) e de administración e servizos (PAS) do material de protección fronte á Covid-19 que a Universidade de Vigo pon a disposición destes dous sectores da comunidade universitaria. En total repartiranse 74.150 máscaras FFP2 e 5.932 de tea co logo da institución, así como 2.966 dispensadores de xel hidroalcohólico. Cada PDI e cada PAS pode recoller no seu centro de adscrición un sobre que inclúe 25 máscaras FFP2, dúas de tea e un dispensador de xel hidroalcohólico, “un material adquirido con cargo aos fondos covid-19 da Xunta de Galicia”, sinala o vicerreitor de Planificación e Sustentabilidade, José Luis Míguez. No caso do alumnado, unha vez que as autoridades autoricen o regreso ás aulas, dará comezo o reparto entre o alumnado de tres máscaras FFP2 para usar de xeito preferente nas prácticas.
En canto á realización de probas á comunidade universitaria, o cribado semanal de ‘pooling’ PCR por saliva continuará en próximos días, tras non detectarse ningún caso no último cribado realizado a derradeira semana de xaneiro.
Tal e como estaba previsto, o segundo cuadrimestre comezou este luns na UVigo con docencia exclusivamente virtual e sen que se rexistrase incidencias máis aló da ampliación puntual da capacidade dalgunha aula virtual, atendendo á demanda dalgún centro que así o solicitou ao precisar incrementar o número de estudantes inicialmente previstos para participar nunha clase en liña.
Á espera da confirmación da Xunta, o escenario de docencia virtual continuará ata o 17 de febreiro, despois que este curso 2020-21 arrancase compaxinando a docencia presencial nunha vintena de graos e 30 mestrados, co sistema mixto que alternaba as clases na aula coa virtualidade, a través de Campus Integra, unha contorna que permite conxugar o Campus Remoto ou xemelgo dixital da UVigo coa presencialidade, proporcionando o soporte adecuado para os tres posibles escenarios de docencia previstos para este curso (presencial, mixto ou totalmente telemática). Así mesmo, a Universidade conta desde este curso co novo portal de teledocencia, Moovi, mentres que o sistema actual, FaiTic, seguirá activo durante todo o curso, aínda que non permite crear contidos novos.
Igualmente, co obxectivo de mellorar os medios técnicos do profesorado para desenvolver o seu labor docente, está en marcha o proceso de entrega ao PDI de ordenadores para este segundo cuadrimestre. Por outra banda, ao inicio de curso enviáronse máis de 200 dispositivos Mifi, pequenos routers con wifi, entregados pola institución académica para arranxar os problemas de conectividade que sofre o estudantado nas súas vivendas.