Como no resto das instalacións universitarias, a crise sanitaria marca o inicio de curso nas bibliotecas e salas de estudo dos campus da Universidade de Vigo. Coa aplicación de medidas de protección, hixiene e seguridade, como a máscara obrigatoria, as distancias mínimas de 1,5 metros entre os postos e un rexistro de entrada, estes espazos volveron xa a recuperar o seu funcionamento ordinario.
Para poder reabrir as once bibliotecas dos campus de Vigo, Ourense e Pontevedra de xeito seguro, a Universidade elaborou dous protocolos para organizar o uso da salas de estudo e o empréstito de obras tanto á comunidade universitaria como a todas aquelas persoas externas, sempre que teñan o carné da Biblioteca Universitaria.
O horario de apertura é de luns a venres, de 08.30 a 20.45 ou a 21.00 horas, dependendo da biblioteca. A capacidade de cada un destes espazos reduciuse atendendo á necesidade de que cada posto de lectura sexa individual e garde cos postos contiguos unha separación mínima de 1,5 metros en cada un dos seus catro lados. Deste xeito, queda prohibido o estudo en grupos tanto nas salas de uso xeral como nas salas de estudo en grupo, quedando estas últimas pechadas ao público. Por exemplo, a Biblioteca Central do campus de Vigo, cunha capacidade de 350 postos de lectura, reduce o aforo máximo a 185 persoas; a Biblioteca Rosalía de Castro de Ourense só permitirá ocupar 132 dos 400 postos e a Central do campus de Pontevedra 103 dun total de 340.
Rexistro de entrada
As instrucións de reapertura das bibliotecas establecen a necesidade de realizar o acceso ás instalacións de forma ordenada e gardando a distancia de seguridade, pero sobre todo rexistrándose á entrada, co obxecto de facilitar a asignación de postos nas salas de estudo e, no seu caso, trazar posibles contaxios da covid-19 no interior das bibliotecas.
Estes espazos só poderán ser usados por membros da Universidade de Vigo, tanto estudantado como PDI e PAS, así como as persoas usuarias con carné da Biblioteca Universitaria. Unha vez comprobada a identidade e a pertenza a algún dos colectivos indicados, o persoal da biblioteca procederá a asignarlle un posto de usuario nas salas de lectura abertas. Ao abandonar un posto, a persoa usuaria queda obrigada a notificalo ao persoal da biblioteca con obxecto de que este quede temporalmente inhabilitado ata que se proceda á súa limpeza e desinfección.
Ao non estar permitido o acceso do público aos fondos situados nos andeis de libre acceso, no caso de necesitar consultar ou ler algunha obras, esta deberá ser solicitada ao persoal da biblioteca. O préstamo de portátiles ou dispositivos electrónicos, así como o uso dos ordenadores de uso público, segue suspendido. Se durante a súa permanencia na biblioteca, algún usuario ou usuaria precisa acceder a recursos electrónicos ou consultar o catálogo e non dispoñan de dispositivo propio, deberán acudir aos mostradores de préstamo ou de referencia para solicitar ao persoal da biblioteca que efectúe a consulta.
Os libros devoltos, en corentena
No que se refire ao servizo de empréstito, recupérase a situación previa ao confinamento, pero coa obriga de que as obras pasen por un período de corentena de tres días tras ser devoltas. Os volumes serán solicitados ao persoal da biblioteca, que será quen se encargue de recollelos nos andeis, xa que estes estarán pechados ao público en xeral.
Cando se proceda á devolución do libro, este será depositado nunha bandexa no mostrador de préstamo, de onde pasará á corentena. Con todo, os libros en corentena poden ser obxecto de reserva para que, unha vez finalizado este período de seguridade, poidan ser prestados.