A Consellería de Sanidade vén de enviar 50.000 test rápidos de detección da Covid-19 aos servizos de prevención das tres universidades galegas, que procederán á realización dos mesmos entre o seu alumnado. A xente nova e, particularmente, os estudantes de ensinanza superior están agora no punto de mira das autoridades sanitarias.
En concreto, á Universidade de Vigo destínanse 16.115 test. Deles, 8.646 irán a parar ao campus da cidade olívica, 3.502 ao campus de Pontevedra e 3.967 ao campus de Ourense. Pola súa banda, a Universidade da Coruña recibirá 11.649 test para o campus da cidade herculina e 1.945 para o de Ferrol. Para a Universidade de Santiago irán 16.834 test ao campus de Compostela e 3.039 ao campus de Lugo.
A Consellería de Sanidade subliña que, así como os colexios e escolas son “contornas seguras”, a contorna académica das universidades “tamén o é”. Con todo, o departamento sanitario galego mantén unha vixilancia específica das cidades da comunidade autónoma que contan con facultades ou escolas universitarias, xa que estas contornas universitarias caracterízanse por estar constituídas por persoas novas, nas que a probabilidade de ser asintomáticas é alta o que dificulta as actividades de detección precoz.
Tamén, en xeral, son persoas cunha gran frecuencia de interaccións sociais o que multiplica as posibilidades de transmisión. Estas cuestións, xunto cunha menor percepción do risco, constitúen factores que poden derivar no empeoramento da situación epidemiolóxica.
Sanidade fixo un chamamento para concienciar e responsabilizar a este colectivo, para que nas súas actividades privadas manteñan todas as medidas de seguridade, reduzan as súas interaccións sociais, evitando reunións con persoas non conviventes, festas nos pisos, aglomeracións, etc.
“Deben facelo pola súa saúde, pola saúde das súas familias e doutras persoas de máis idade ás que poden transmitir unha enfermidade que pode ser grave nelas e pola sociedade en xeral, xa que o empeoramento da situación epidemiolóxica levará indefectiblemente a un incremento das restricións vixentes para preservar a saúde dos cidadáns”, sinala a Consellería.