A Xunta de Galicia vén de tomar a decisión de intervir a residencia de maiores do municipio lucense do Incio, tralo gromo de coronavirus detectado este xoves e que afecta a un elevado número de usuarios do centro. Tras avaliar a evolución epidemiolóxica do centro coas consellerías de Sanidade e Política Social, acordaron tomar esta decisión para garantir a calidade asistencial e a correcta protección da saúde dos residentes e traballadores do centro.
Coa intervención sanitaria da residencia, os profesionais do Servizo Galego de Saúde farán un seguimento médico constante das persoas usuarias desta residencia e supervisarán a correcta aplicación dos protocolos aprobados pola Xunta de Galicia.
Tras coñecer o resultado positivo das probas realizadas a unha das profesionais que traballan na residencia desta localidade lucense, e de acordo ao protocolo de brotes para as residencias sociosanitarias, a Administración implementou o cribado de todas as persoas do centro -usuarios e profesionais- realizando un total de 190 probas PCR no mesmo día.
Así, e tras coñecerse os resultados das probas diagnósticas, detectáronse 8 profesionais positivos, de entre os 74 que integran a plantilla de traballadores do centro; e tamén 57 usuarios con diagnose positiva, do total 116 residentes da residencia do Incio. Así mesmo, a esta cifra hai que engadir 2 residentes máis que, malia non estar na residencia na xornada de onte durante a realización do cribado, ao estaren ingresados no Hospital Universitario Lucus Augusti, tamén obtiveron resultado positivo nas probas realizadas no HULA.
Con todo, até este momento, a totalidade dos residentes con resultado positivo son asintomáticos. Ademais, o conxunto de traballadores con resultado positivo gardan corentena no seu domicilio.
Desde esta mesma mañá, a Consellería de Sanidade desprazou un equipo sanitario até a residencia para reforzar a súa asistencia e tamén activou un conxunto de medidas para frear a expansión do virus no centro.