A Xunta de Galicia informou este mércores de que trasladou ao Ministerio de Sanidad a proposta que deben facer de xeito formal as comunidades autónomas para indicar que territorios deben pasar á seguinte fase da desescalada programada polo Goberno de España.
O conselleiro de Sanidade, Jesús Vázquez Almuíña, solicitou que as catro provincias accedan á chamada Fase 1 ao entender que se cumpren os requisitos establecidos. Con todo, nesa petición, Galicia requiriu que se permita a mobilidade da cidadanía dentro da comunidade, sen aterse aos límites provinciais sempre que as súas áreas sanitarias se atopen na mesma fase.
A Xunta volveu avogar por unha toma de decisións baseada na situación de cada área sanitaria. O Executivo autonómico defende a necesidade de ter a capacidade para illar zonas concretas inferiores como a zona, o distrito ou a área, caso de ser necesario, para que, no suposto da existencia de rebrotes, se aconselle o establecemento de restricións á mobilidade.