A Xunta de Galicia está a someter a novas probas diagnósticas de Covid-19 a todos os usuarios e traballadores do centro de tempo libre de Nigrán, que foran trasladados desde as residencias de DomusVi Barreiro y DomusVi Cangas, intervidas polo Goberno autonómico ante o alto número de casos e mortes rexistrados.
Segundo informa o Complexo Hospitalario Universitario de Vigo (Chuvi), este mércores se fixeron esas probas -serían as cuartas que se levan a cabo- e “aínda que se está á espera dalgún resultado, polo de agora todas as analizadas -a persoal de coidados- deron negativo”.
Mentres tanto, o presidente galego, Alberto Núñez Feijóo, confirmou este mércores nunha comparecencia telemática que o seu goberno está a investigar o sucedido coas dúas mulleres que deron positivo xa en Nigrán. A este respecto, pediu “ser cautelosos” porque “é posible que o virus xa acompañara” a estas pacientes durante a evacuación. Pola súa banda, os responsables sanitarios desvinculan esta situación do traslado, que se fixo tras completar tres diagnoses negativas de xeito combinado – 2 PCR separadas no tempo e un test de anticorpos-.
“O risco cero fronte ao Covid-19 non existe. O ‘período ventá’, o tempo en tarda en manifestarse o virus, é ilimitado e imprevisible. Isto é, hoxe en día os especialistas aínda non teñen clarificado o comportamento desta enfermidade ao 100%, nin a evolución dos contaxios. Neste momento estase estudando a causa da infección desas dúas persoas contaxiadas”, explica o Chuvi.
As autoridades sanitarias galegas defenden que a decisión de centralizar nesas instalacións de Nigrán a todos os residentes sans está baseada “nos criterios técnicos e sanitarios indicados polos expertos para a atención e protección aos grupos de risco neste tipo de alertas sanitarias”. Do mesmo xeito, aseguran que tanto os usuarios como o persoal da residencia do Val Miñor seguen “estritamente” todos os protocolos de protección, limpeza e distanciamento recomendados polas autoridades sanitarias.