Dende este mércores e ata a próxima semana, desenvolverase nos tres campus da Universidade de Vigo a campaña de cribado de Covid-19 impulsada pola Xunta nas tres universidades galegas co obxectivo de coñecer a expansión do coronavirus entre o alumnado. En total, dende o Sergas enviaron á Uvigo máis de 15.000 test rápidos que estarán a disposición do estudantado nas escolas e facultades de Vigo, Ourense e Pontevedra.
Durante os próximos días, e seguindo as instrucións e a organización interna de cada centro, o alumnado poderá realizar as probas nos espazos especificamente habilitados e atendidos por estudantes das escolas de Enfermaría da UVigo. Alí poderán realizar un test rápido a través dunha pequena mostra de sangue que detecta a presenza de anticorpos que permiten confirmar tanto se a enfermidade está en fase activa como se xa se pasou.
Os resultados coñécense case de inmediato, en cuestión de 10 ou 15 minutos, e comunícanse tan só ás persoas que resulten ser positivas. Estes casos poranse tamén en coñecemento do Sergas, para poder realizar posteriormente unha proba PCR que permita concretar o virus está actualmente activo ou non.
En total, na Universidade de Vigo recibiu do Sergas 8.646 test para Vigo; 3.502 para Pontevedra e 3.967 para o campus de Ourense, que ser irán realizando nos vindeiros días, tratando de adaptarse tamén ás quendas de presencialidade dos centros e aos horarios de docencia.
As primeiras probas, antes do arranque masivo este mércores, tiveron lugar onte na Residencia Universitaria O Castro, no campus vigués.