O procesamento das máis de 2.300 probas realizadas ao personal docente e investigador (PDI) e ao persoal de administración e servizos (PAS) da Universidade de Vigo, empregando o innovador test masivo PCR sobre saliva baseado no sistema ‘pooling’, non detectou a aparición de positivos por Covid-19. O resultado definitivo do procesado das mostras, baseado no sistema desenvolvido na Fundación Biomédica Galicia Sur, foi comunicado pola microbióloga do servizo de Microbioloxía do Hospital Álvaro Cunqueiro Sonia Rey ao vicerreitor de Planificación e Sostibilidade, José Luis Míguez Tabarés.
«Estamos moi satisfeitos, tanto pola participación, como polos resultados. Isto amosa que o persoal da Universidade intenta, dentro das súas posibilidades, ser responsable coa situación na que nos atopamos» sinala o responsable Covid da UVigo, que destaca que isto non exclúe que por calquera circunstancia se poidan producir casos confirmados en datas posteriores, ao tempo que asegura que «agardamos que este tipo de medida, tanto no caso do persoal, como no dos próximos tests do alumnado, sirvan de apoio á Consellería de Sanidade no seu complicado traballo diario».
No procesamento das mostras de saliva recollidas o pasado martes polo persoal da Universidade de Vigo, detectáronse nove incidencias, por falta de líquido ou outro de tipo de erros cometidos na recollida da mostra por parte do PDI ou do PAS. O resultado do procesado das mostras seralle comunicado aos membros da comunidade universitaria a partir da próxima semana, aínda que desde o Servizo de Microbioloxía do Álvaro Cunqueiro lembran que «é importante que se teña en conta que a non detección, non exclúe completamente a infección polo coronavirus, polo que se deben manter de forma estrita as medidas preventivas adoptadas pola institución e as decretadas polas autoridades sanitarias. Esta proba non é diagnóstica, polo que en caso de que algunha persoa participante teña sospeita de infección por coronavirus, debe acudir ao seu centro de referencia para realizar os estudos oportunos».
En total foron 2.303 os traballadores e traballadoras que o pasado martes se achegaron ás conserxarías dos seus centros para entregar as probas, o que supón case un 80% das persoas convocadas. A participación rexistrada foi moi similar nos tres campus e así, mentres en de Vigo estaban chamadas a realizar as probas 1929 persoas e, finalmente, entregaron os kits 1538, un 79,7% do total; en Ourense entregaron os tubos 441 persoas dun total de 578 (76,3%) e, en de Pontevedra 324 de 403, acadando neste caso o 80,4% de participación.
En próximos días comezaran as PCR aleatorias por semana
Coñecidos os resultados do procesado das PCR do PDI e do PAS, en próximos días iniciarase a realización dun total de 200 PCR aleatorias por semana, neste caso centradas principalmente no alumnado.
«Se ben en principio son test aleatorios poderían concentrarse nun único centro se as circunstancias así o recomendan porque previamente se detectase algún caso positivo nese lugar e, nesa situación, podería incluírse tamén o PDI e o PAS dese centro”, lembra Míguez.