O Concello de Tui someteu este mércores pola mañá ao seu cadro de persoal ás probas serolóxicas de Covid-19, que deron resultado negativo en todos os casos. Deste xeito, quedan en catro os traballadores municipais contaxiados por coronavirus tras confirmarse este martes pola noite un novo caso a través de PCR.
O municipio continúa en alerta vermella ao rexistrar máis de 21 positivos no últimos 7 días, segundo o mapa que publica a diario a Consellería de Sanidade. Mantéñense as medidas establecidas a semana pasada, como por exemplo o peche de instalacións municipais de carácter deportivo e cultural. A elas sumáronse nas últimas horas as quendas rotatorias no persoal municipal e o establecemento de cita previa en todos os departamentos do concello.
Ademais, establécense unha serie de recomendacións ante a celebración do 1 de novembro. As visitas ao cemiterio municipal débense de limitar a un máximo de catro persoas convivintes e non deben de durar máis de 30 minutos.
Dende o Concello de Tui apélase “á responsabilidade e a precaución ante a actual situación que estamos a vivir”.