Tras coñecerse o luns a limitación de visitas a residencias e centros de día do municipio, o Concello da Guarda confirmou este mércores 2 de setembro, que a vila suma 12 positivos por Covid-19 e que estes casos están asociados a dous brotes familiares. Sanidade, por tratarse de infeccións relacionadas con brotes, tomou medidas de prevención para evitar posibles consecuencias en grupos de risco, á vez que se realiza un rastrexo e os test necesarios para controlar a súa propagación.
A medidas preventivas tamén afectarán finalmente a outros centros socionanitarios. San Xerome pechará durante 15 días o centro de día, así como as seccións educativa e ocupacional. Avelaíña suspenderá, durante a próxima quincena, a atención grupal, mantendo o servizo de citas previas, a atención telefónica e teleatención. Ademais, tomará as medidas de prevención necesarias no piso protexido que xestiona.
Do mesmo xeito, o club da terceira idade, que tiña previsto reabrir as súas portas o día 1 de setembro, retrasa esta reapertura 15 días. Á súa vez, un centro privado afectado por un positivo, a ludoteca DivierTT, activou o protocolo recomendado polo servizo de epidemioloxía da Xunta para facerlle a proba PCR a todas as persoas puideron ter contacto directo con este positivo, os nenos e a monitora do grupo.
Malia todo, o Concello quixo transmitir “unha mensaxe de tranquilidade á poboación en xeral” indicando que se está facendo o “necesario” para rastrexar e controlar os brotes. “Temos que ser conscientes da nosa vulnerabilidade, o virus está aí e debemos tomar as medidas de prevención recomendadas para evitar o seu espallamento: distancia social, hixiene de mans e uso da máscara”, apuntou o Goberno local nun comunicado.