O grupo de investigadores das universidade de Vigo, Santiago e Aveiro que hai dous meses adiantou a expansión da pandemia da Covid-19 en Galicia está a poñer en marcha un novo proxecto que permitirá prever, a curto e medio prazo, os recursos necesarios para loitar contra o coronavirus.
Esta nova iniciativa nace da experiencia previa deste equipo, integrado por Iván Area (Universidade de Vigo), Faiçal Ndaïrou (Universidade de Vigo e Universidade de Aveiro), Juan J. Nieto (Universidade de Santiago de Compostela) e Delfim Torres (Universidade de Aveiro) que, baseándose na análise dos datos de Wuhan, realizou unha serie de simulacións que situaban o máximo número de casos da pandemia arredor do 5 de abril, data prevista para as eleccións galegas que finalmente houbo que adiar.
Agora arranca unha nova etapa na que xa están implicados Jorge Mira e Alberto Pérez Muñuzuri, da Universidade de Santiago de Compostela, e Cristiana Silva, da Universidade de Aveiro, xunto con outros investigadores portugueses. Para poder sacar adiante o proxecto, presentaron a súa candidatura á convocatoria de iniciativas para o control da epidemia que puxo en marha a Fundação para a Ciência e Tecnologia de Portugal (FCT) e a Agência de Investigação Clínica e Inovação Biomédica (AICIB), no marco da liña excepcional Research 4 Covid-19.
Este novo proxecto de investigación, baixo o título ‘Controlo Ótimo e Modelação Matemática da Pandemia Covid-19 (COMoMat-PandCovid19): contributos para uma estratégia sistémica de intervenção em saúde na comunidade’, acaba de recibir o informe favorable no marco desta convocatoria de concorrencia altamente competitiva. Liderado pola doutora Cristiana Silva, experta en teoría de control da Universidade de Aveiro, a finalidade do estudo é prever os recursos mínimos indispensables, como por exemplo unidades de coidados intensivo, a curto e medio prazo, a través de modelos matemáticos adecuados, mediante colaboración cos correspondentes servizos de saúde pública. Ademais, tamén se centrará en preparar ás persoas infectadas para a recuperación no domicilio e identificar problemas de saúde mental. Finalmente, preténdese optimizar o impacto de medidas de prevención/tratamento na redución da mortalidade por Covid-19. Para estes obxectivos, o grupo de matemáticos aliáronse con grupos das Escolas Superiores de Saúde do Porto e Leiria, da Unidade de Saúde Pública do Agrupamento de Centros de Saúde Pinhal Litoral.
Este financiamento obtense no marco dunha convocatoria altamente competitiva onde unicamente se concedeu axudas a 66 das 302 propostas presentadas, é dicir, unha taxa de éxito do 22%. En total, a convocatoria conta cun orzamento total de 1,8 millóns de euros, dos cales a este proxecto corresponden preto de 8.000 euros.