A concesionaria da AP9, Audasa, revelou este martes que “a día de hoxe” non pediu “ningún tipo de compensación ao Estado polas restricións de tráfico” impostas polo Goberno de España. A empresa, que nas últimas semanas está a informar detalladamente da caída da circulación no autoestrada a través de comunicados de prensa, tamén salientou que non solicitou ningún expediente de regulación temporal de emprego para o seu persoal. Con todo, Audasa non aclara se trasladará esa solicitude de compensacións económica por perda de ingresos no futuro.
A compañía tamén está a incidir que mantén aos traballadores que atenden a zona de peaxe por se fose necesario asistir a algún condutor, aos que operan no centro de control, aos que se ocupan da seguridade dos tuneis e ás brigadas de obras para reparacións e emerxencias esenciais.
“A pesares da forte caída da actividade, a empresa concesionaria mantén operativa a estrutura necesaria para manter o servizo en condicións de seguridade e calidade”, explica Audasa, que tamén conta cunha serie de empregados en modalidade de teletraballo.
Outro dos puntos no que afonda a concesionaria é o “histórico” descenso do tráfico, que volveu reducirse na última semana de confinamento, acadando un mínimo de 4.938 vehículos diarios entre o 23-29 de marzo. A cifra representa unha mobilidade 4,5 veces inferior ao mesmo mes de 2019, cunha redución do tráfico do 77,7%.
O dato de 4.938 vehículos de Intensidade Media Diaria (IMD) contabiliza todos os desprazamentos pola autoestrada, incluíndo tanto os traxectos con peaxe como os gratuítos (a AP9 dispón de 37 quilómetros de tramos gratuítos e outros 14,2 quilómetros de tramos de peaxe en sombra, o que supón que o 51% dos tránsitos non teñen ningún custo para os usuarios).
No que vai do mes de marzo, a IMD da Autoestrada do Atlántico é de 11.303 vehículos, un 49,07% menor que a media de vehículos/día do mesmo mes do ano pasado e un 47,9% inferior á de marzo do 2018. No cómputo anual, no que vai de 2020 (ata o 29 de marzo) o tráfico na AP-9 reduciuse un 26,03% en relación ao conxunto de 2019.