Abel Caballero anunciou este luns que iniciou xa os contactos para constituír un consello da cidade no que estean representados tódolos sectores económicos, sociais, educativos e investigadores co fin de preparar a recuperación da economía da cidade. Estarán presentes a Universidade de Vigo, a automoción, o naval, o comercio, a hostalería, o turismo, a investigación, os despachos profesionais, a edificación, a construción e a cultura como parte do desenvolvemento económico de Vigo.
Entre as presenzas confirmadas xa se atopan a Zona Franca, a Deputación de Pontevedra, o reitor ou o xerente de ARVI. “Quero un consello do máximo nivel no que estea toda a cidade”, apuntou Abel Caballero, co obxectivo de trazar dende o Concello un “proxecto de recuperación ordenado, apoiado e buscando a interlocución con tódolos ámbitos do espazo económico, administrativo e político. Primeiro, co Goberno de España, segundo, impulsando con Europa e terceiro coa Xunta de Galicia e a nosa propia coordinación da cidade”, explicou.
O rexedor pediu “xenerosidade” a todo o mundo consciente, dixo, de que hai moitas ideas, capacidade e necesidade nestes momentos e dado que “por forza temos ir xuntos na saída da crise”. Engadiu que estamos “nun momento como nunca houbo na historia da cidade e a saída temos que facela desde a coordinación, o acordo e marcha conxunta”.
A primeira reunión do consello da cidade será esta mesma semana, iniciándose un sistema de planificación no que “xa estamos traballando para Vigo e tamén para a FEMP”, apuntou Caballero.