A primeira remesa do que supón o primeiro antiviral contra a Covid-19 chegou hoxe a varios hospitais de Galicia, entre os que se atopan os da área sanitaria de Vigo. De momento foron 297 as unidades dispensadas do Paxlovid, desenvolvido pola farmacéutica Pfizer. Trátase dun medicamento que se subministrará baixo prescrición médica e adminístrase por vía oral, polo que posibilita un tratamento ambulatorio dos pacientes leves con factores de risco para progresión a covid grave, controlando a progresión da infección e freando a hospitalización ou morte.
No día de hoxe chegaron a Galicia 677 unidades, en concreto aos hospitais de Santiago de Compostela (113), Ferrol (267) e Vigo (297), para logo enviarse ao resto dos hospitais da comunidade autónoma, a remesa do Ministerio de Sanidade co ao redor do 6% dos primeiros 11.900 tratamentos do antiviral Paxlovid contra a covid-19 que se distribuirán en España. Está previsto que o Ministerio faga novos envíos nas vindeiras semanas ata completar a cifra de 50.000 tratamentos para o conxunto do Estado no primeiro trimestre do ano.
Tamén esta semana chegará aos hospitais galegos o Evusheld, que se empregará de xeito preventivo.
Protocolo
A Xunta de Galicia presentou este luns o protocolo tanto para a administración tanto do Paxlovid como do Evusheld.
Respecto do Paxlovid, está indicado en pacientes con infección por SARS-Cov-2 que presenten enfermidade leve ou moderada, nos primeiros cinco días de síntomas, que teñen un risco alto de progresar a covid-19 grave, nas seguintes actuacións: persoa non vacinada maior de 80 anos; persoa non vacinada maior de 65 anos e polo menos un factor de risco; e persoa inmunocomprometida, independentemente da situación de vacinación.
Na súa intervención na rolda de prensa explicando o protocolo da utilización do Paxlovid, o director xeral de Asistencia Sanitaria do Sergas, Jorge Aboal, dixo que será indicado polo facultativo de primaria ou especializada que efectúe o diagnóstico, a través de receita electrónica. Ademais, requirirá informe médico para a súa validación de forma previa á súa entrega informada no domicilio do paciente. Trátase de comprimidos vía oral con doses de mañá e noite. Ademais, Jorge Aboal dixo que o Servizo Galego de Saúde realizará un seguimento trimestral da súa efectividade que será enviado ao Ministerio. A previsión de entrega é de 3.000 unidades no primeiro trimestre, 5.400 no segundo, 6.000 no terceiro e 6.240 no último.
Respecto ao Evusheld, tal e como indicou o conselleiro, Julio García Comesaña, hai pacientes que poden quedar cunha resposta insuficiente tras a dose de recordo, polo que quedarían sen estar tan protexidos fronte á enfermidade grave. Existe ademais un grupo minoritario de persoas con alerxia grave a algún dos compoñentes das vacinas fronte á Covid ou que trala administración dunha dose previa presentaron unha reacción anafiláctica, e nos que se contraindica a vacinación. Estas persoas poden presentar, nalgunhas ocasións tamén, un alto risco de enfermidade grave tras a infección por SARS-CoV-2 e tampouco se poderían vacinar.
Nestes momentos, e baixo as posibilidades terapéuticas actuais, é posible outra alternativa, a inmunización pasiva mediante a administración de fármacos con indicación de uso para a profilaxe preexposición que poden proporcionar protección fronte a unha posible infección polo virus nestes pacientes.
Recentemente, -proseguiu o conselleiro-, autorizáronse fármacos que inclúen anticorpos monoclonais de longa actividade en pacientes inmunodeprimidos, e que poden proporcionar inmunidade pasiva. Un destes fármacos é Evusheld, combinación de dous anticorpos monoclonais.
Os candidatos a Evusheld son os adultos de 18 ou máis anos de idade con condicións de risco que cursan con inmunosupresión nos que se demostra resposta inadecuada á vacinación, e aqueles nos que se contraindica a vacinación e teñen moi alto risco de enfermidade grave por SARS-CoV-2.
Para detallar o protocolo deste fármaco, a directora xeral de Saúde Pública, Carmen Durán, sinalou que este medicamento é similar a unha vacina, é dicir adminístrase antes de manifestar o paciente os síntomas. Segundo Carmen Durán, esta semana chegarán 1.772 doses do mesmo, que se recibirán no servizo de farmacia do Hospital Universitario da Coruña. Este medicamento adminístrase vía intramuscular con dúas inxeccións.