O Comité Executivo e o Padroado da Fundación Vigo Convention Bureau reuniuse este mércores no consistorio para analizar a situación actual do turismo e a hostalería na cidade e o difícil momento que atravesan, así como a expectativa que pode abrirse coa celebración do Nadal.
Segundo informou Abel Caballero, unha das medidas que están estudando é implantar o asesoramento de profesionais “controladores” nos locais de hostalería sobre a aplicación da normativa relacionada coa Covid-19, unha proposta que abordarán de forma conxunta coa Convention Bureau, a hostalería e o turismo da cidade.
Por exemplo, a nova normativa de nivel 2 decretada pola Xunta afectará aos bares, cafeterías e restaurantes, que levan meses vendo como muda a regulación vixente. Ademais, neste eido, o rexedor vigués non se cansa de lembrar que os clientes destes negocios teñen que levar posta a máscara de protección e só a poden retirar no momento da consumición.
Sobre o Nadal, Caballero explicou que as festas serán “mil por cen seguras, con garantía absoluta do cumprimento de tódalas normas Covid”. Con ese fin, o Concello está desenvolvendo un sistema de control do aforo na rúa para limitar as concentracións de persoas e garantir o respecto ás limitacións establecidas polas autoridades sanitarias.
O alcalde recordou tamén que a Cabalgata será estática, que se espallarán as actividades previstas por toda a cidade e que serán “todas ao aire libre; non se fará nada baixo cuberta, en locais pechados. Todo o Nadal ten que ser así”, engadindo que dende o Concello “mantemos a ilusión do Nadal e queremos que as nenas e nenos de Vigo manteñan a ilusión do Nadal”.