O comité empresa de Unísono Vigo denunciou este mércores a “ruín actuación” da compañía por non só “non garantir a seguridade do seu persoal durante os primeiros momentos da emerxencia sanitaria”, senón por pretender “tirar proveito” dese risco ao “negarse a devolverlle as cantidades que lles descontou nas nóminas de abril por non acudir ao seu posto ao existir un serio perigo de contaxio”.
Estes feitos remóntanse ao pasado 18 de marzo, cando o comité de empresa de Unísono Vigo aplicou “por risco grave e inminente” de contaxio da Covid-19 unha paralización da actividade nas plataformas da cidade ante a “falta de medidas de seguridade e a comunicación” o día anterior dun caso positivo. Os sindicatos defenden que esta paralización está avalada polo artigo 21 da Lei de Prevención de Riscos Laborais.
Nese momento estaban en activo nos tres centros de traballo arredor de 900 persoas, sen cumprirse a distancia requirida polo Ministerio de Sanidade nin o protocolo establecido pola Covid-19, xa que o persoal traballaba a unha distancia de entre 40 e 80 centímetros, en postos compartidos e sen que se realizara a desinfección destes por parte da empresa entre quenda e quenda. De feito, era o propio persoal quen tiña que desinfectar os postos.
Nese contexto, a empresa comunicou a todo o persoal un caso positivo na tarde do 17 de marzo mais sen ordenar o desaloxo do centro de traballo nin mandar a corentena preventiva as persoas con contacto estreito. “A actuación da empresa limitouse a unha simple desinfección no centro afectado e o persoal seguiu traballando “como se nada pasara, e sen nin sequera manter unha distancia de seguridade”, relatan.
Despois de pedir en varias ocasións a Unísono que tomara as medidas de seguridade que se indicaban nese momento e despois de varias denuncias en Inspección de Traballo, e vendo que a empresa non facía nada ao respecto, o comité de empresa decidiu paralizar a actividade tras comunicarllo tanto a Unísono como a todas as autoridades pertinentes para garantir a saúde de todo o persoal.
Abandono das autoridades laborais
Esta paralización debía ser revisada no prazo de 24 horas pola autoridade laboral correspondente, neste caso a Consellería de Sanidade por estar en estado de alarma.
“Entendemos que foi unha situación que superou a todas as institucións, pero a pesar da presión do comité para que resolvese esta situación e despois de comunicar, en varios días, que acudirían aos centros de traballo, a visita nunca se produciu, polo que o comité quedou sen ningún tipo de resposta por parte das autoridades pertinentes e os traballadores e traballadoras nunha situación de abandono e total indefensión”, explican os representantes dos traballadores.
Descontos de até 300 euros
O comité decidiu suspender o proceso o 25 de marzo, comprobando que a empresa comezara a implantar algunhas medidas de seguridade, como o teletraballo, a distancia entre os postos e unha maior limpeza dos centros.
A sorpresa chegou no mes de maio, cando a unha parte do persoal que secundou a paralización da actividade se lle descontan os días que se acolleu á mesma, dándose descontos en nóminas de entre 200 e 300 euros. “Iso si, os descontos non foron para todo o persoal que secundou os paros, senón que afectaron algunhas persoas traballadoras, sen que se saiba se isto responde a unha estratexia”, denuncian.
A pesar de que o comité intentou “por todos os medios” que a empresa non descontase eses salarios, xa que a propia Lei de Prevención de Riscos Laborais di que non pode haber prexuízo ningún en aplicar esta medida, Unísono négase a abonar os salarios descontados e apela que decida o xulgado. O comité tamén alude a unha resolución da Inspección de Traballo que di que non pode haber descontos en nómina por esta causa.
“Con esta decisión, a empresa evidencia que a súa única preocupación durante a emerxencia sanitaria foi gañar cartos a conta da saúde do seu persoal. Como ben puxeron no Twitter corporativo de Unísono, ‘Lo importante no es el coronavirus, es el cliente’, e quedou claro que tampouco era importante a saúde do seu persoal.
Os sindicatos con representación no comité de empresa, CIG, CGT e UGT están estudando coas súas asesorías xurídicas as posibles accións legais contra Unísono, ademais da planificación de mobilizacións ante o que consideran un claro caso de represión sindical.