Investigadores das universidades de Vigo e Santiago de Compostela e do Sergas deseñaron un método para a determinación con antelación das camas necesarias pola pandemia da Covid-19 nas Unidades de Coidados Intenisvos (UCI). O traballo foi elaborado por Iván Area (Universidade de Vigo e actualmente na Aneca) e Juan J. Nieto (Universidade de Santiago de Compostela) xunto a Xurxo Hervada e María Jesús Purriños (Sergas) e vén de ser publicado na revista Alexandria Engineering Journal baixo o título Determination in Galicia of the required beds at intensive care units.
O punto de partida para o deseño do método desenvolvido, indican os seus responsables, “foi a estimación inicial do comportamento da onda usando modelos compartimentais”. Unha vez obtida esta previsión, detallan, realizouse unha estimación de camas en base a unha porcentaxe dos datos acumulados dos 15 días previos á data de interese. “É algo obvio: o número de persoas que ingresan na UCI depende dos casos dos días previos”, apuntan os investigadores. Unha vez disposta esta ferramenta, engaden, “a vantaxe de ter unha estimación do número de casos diarios moi aproximada permitiu ter estimacións bastante próximas á realidade do número de camas de UCI necesarias”.
A xestión das camas de UCI, apuntan os investigadores, “trátase dun problema de enorme complexidade e repercusión”, lembrando como “o custe de cada cama é de máis de 1000 euros diarios, ten unha enorme repercusión económica”. Ao tempo, engaden, “un número insuficiente de camas implica a non dispoñibilidade de camas de UCI a persoas coa covid-19 ou doutras doenzas”. Por este motivo recalcan “a importancia de coñecer de antemán as necesidades de recursos en camas UCI, xa que non se poden improvisar, pois son camas que requiren parataxe moi específico anexo (respiradores, monitores, etc) e recursos humanos formados no seu uso, ademais do espazo físico necesario, moi superior a unha cama normal”. “Ou se prepara de antemán ou se fracasa en cubrir a demanda”, subliñan respecto a esta cuestión.
Liña de continuidade
Ademais de idear este procedemento para poder ter con antelación unha estimación do número de camas de UCI necesarias, Iván Area e Juan José Nieto forman parte do grupo de investigadores que adiantou como sería a expansión da pandemia da covid-19 en Galicia ao seu inicio. Baseándose na análise dos datos de Wuhan, o grupo integrado por Nieto, Area, Delfim Torres e Faiçal Ndaïrou, das universidades de Vigo e Aveiro estes últimos, realizou unha serie de simulacións que situaban o máximo número de casos da pandemia arredor do 5 de abril. “Esa predición, con máis dun mes de antelación comprobouse certa no seu día”, apuntan. A análise, baseada nun modelo matemático, engaden, “foi central para poder anticipar o número de camas necesarias”.