A Federación Olívica de Asociacións de Nais e Pais de Alumnos de Vigo e comarca (Foanpas) remitiu este luns unha carta á Consellería de Educación da Xunta de Galicia onde dá 24 horas de prazo para que «cumpra coas promesas feitas en ámbitos públicos e tamén na videoreunión» feita o luns pasado. «Coma pon nesta carta, o non cumprimento desas promesas supón deixar a unha gran parte das familias da escola pública de Vigo e Pontevedra sen os servizos complementarios -mal chamados cando son esenciais- e vai a ter consecuencias xudiciais por danos e prexuicios as familias para a Xunta», asegura Miguel Álvarez, presidente de Foanpas.
No escrito dirixido ao conselleiro Román Rodríguez, o colectivo sinala que o primeiro borrador do protocolo Covid-19 específico de comedores (non feito público pola Consellería) non cumpre as demandas mínimas para a xestión dos comedores escolares. «Seguiremos co acordo das dúas asambleas extraordinarias das Anpas de non xestionar estes servizos (aulas matinais, comedores escolares e extraescolares)», comeza a carta.
Ademais, lembran que é de obrigado cumprimento eximir ás directivas das ANPAS da responsabilidade xurídica civil ou penal pola denuncia dun posible contaxio da Covid-19 e a aprobar un protocolo específico de aulas matinais e comedores escolares axeitado ás circunstancias, avalado pola Consellería de Sanidade (Comité Clínico) e publicado oficialmente.
Foanpas afirma na carta que non haberá máis negociacións coa Consellería de Educación e que estarán atentos a calquera convocatoria de xuntanza que considere facer na liña anteriormente mencionada tanto on line como se fora preciso presencialmente.
«Se mañá martes día 22 ás 14:00 horas non hai resposta positiva as solicitudes anteriores (1. e 2.) de Foanpas, comezaremos o proceso dunha demanda colectiva das familias afectadas (ao redor de 17.000 familias), ante os tribunais de Xustiza da nosa cidade, por danos morais e económicos, debido á non existencia dos servizos que permitan a conciliación laboral e familiar», conclué.