A área sanitaria de Vigo vén de poñer en funcionamento o novo laboratorio de Microbioloxía, a través do Instituto de Investigación Sanitaria Galicia Sur, para o sistema do procesamento agrupado de mostras no cribado da covid-19, coñecido como ‘pooling’.
O presidente da Xunta, Alberto Nuñez Feijóo, acompañado polo conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, realizou este venres unha visita ás novas instalacións e mantivo unha xuntanza cos responsables deste proxecto para coñecer a capacidade diagnóstica actual da nova estrutura e as súas potencialidades.
Neste encontro estiveron presentes o novo xerente da área sanitaria de Vigo, Javier Puente; a directora da Fundación Sanitaria Galicia Sur, Beatriz Gil de Araújo; o enxeñeiro da Escola Superior de Enxeñaría de Vigo e ideólogo do proxecto, Jacobo Porteiro; e o xefe de Microbioloxía, Benito Regueiro, xunto con outros microbiólogos do servizo.
O laboratorio, cuxas obras remataron esta semana, permite integrar nun único dispositivo todos os equipos robóticos deste procedemento, xa que ata agora o módulo preanalítico estaba situado nunha sala diferente, o que dificultaba o proceso. Por outra banda, o novo laboratorio foi emprazado nun lugar de maior accesibilidade, o que facilitará e mellorará a entrada das mostras para procesar.
Este sistema está conformado por diferentes equipamentos: un módulo preanalítico que destapona, clasifica e rexistra a entrada da mostra, ademais de garantir que cumpra as condicións para analizar; dous robots pipeteadores que actualmente agrupan 20 mostras nun mesmo tubo; dous equipos de extracción que preparan a mostra e realizan a PCR; e tres módulos termocicladores que ofrecen o resultado final do ‘pool’.
A área sanitaria de Vigo puxo en marcha o pasado mes de maio, e por primeira vez en España, a técnica ‘pooling’, que permite analizar nun único test as mostras de varios cidadáns –agora realízase cunha vintena-, multiplicando a súa capacidade de avaliación.
Consiste en agrupar as mostras de 20 persoas diferentes e procesalas xuntas, como se fosen as dun só individuo. Se o resultado do procesamento da mostra resultante é negativo, infírese que cada unha das mostras orixinais son tamén negativas, co que se aforraría o tempo e capacidade que suporía o estudo individual de cada unha das mostras orixinais.
Se pola contra o resultado global é positivo, téñense que separar as mostras para volvelas procesar: ou dividindo a mostra conxunta en fraccións máis pequenas ou analizando cada unha delas de xeito individual.
Este sistema é unha ferramenta diagnóstica de gran eficiencia que permite vixiar e controlar a circulación do virus en áreas estratéxicas. Isto é, en vez de esperar a que aparezan traballadores con síntomas, realízase unha acción proactiva de busca e identificación daqueles asintomáticos, para controlar o antes posible a aparición de brotes da enfermidade e garantir áreas estratéxicas libres de virus circulante.
Polo tanto, resulta moi eficaz para testar grupos de persoas en grandes centros de traballo, como persoal sanitario, usuarios e traballadores das residencias sociosanitarias, así como colectivos das áreas industriais.
Autotoma e autorrexistro
O procesamento agrupado de mostras iniciouse xa hai catro meses cos profesionais dalgunha das áreas máis críticas do hospital Álvaro Cunqueiro e hoxe en día xa está implantado en Coidados Intensivos, Urxencias, Hematoloxía e Unidades de Hospitalización Covid. Así, este persoal, xunto cos usuarios e traballadores das residencias sociosanitarias, é testado periodicamente e de xeito secuencial.
No pasado mes de agosto, este sistema iniciouse tamén co persoal dos centros de saúde, comezando polo de Val Miñor, e de xeito paralelo con traballadores doutras institucións, como a Autoridade Portuaria, e de sectores económicos clave, como a automoción ou o metal.
Aínda que inicialmente a mostra recollida para analizar era unha mostra nasofarínxea, no momento actual é unha mostra de saliva. O método de recollida é a autotoma (autorrecollida da saliva). Ademais, o persoal conta tamén cun autorrexistro, unha aplicación móbil cunha identificación unívoca que, a través dun código, rexistra cada vez que o profesional se realiza a mostra. Os resultados das análises PCR xa aparecen nesa aplicación, de xeito que o autorrexistro elimina moitos trámites
100.000 PCR mensuais
Coa estrutura actual, este laboratorio ten capacidade para procesar 100.000 mostras mensuais. Nesta actividade priorízase o cribado quincenal dos preto de 7.000 traballadores da área sanitaria de Vigo (14.000 ao mes) e o cribado quincenal dos 15.000 traballadores das residencias sociosanitarias de Galicia (30.000 ao mes). E o resto (56.000) utilizarse no cribado dos colectivos dos sectores industriais.