Un total de 107.412 persoas inscribiron os seus datos de contacto no rexistro de viaxeiros que puxo en marcha a Consellería de Sanidade o pasado día 29 de xullo. Delas 62.446, o 58,1% do total, proceden das distintas comunidades autónomas con comunicación obrigatoria, concretamente 29.783 do País Vasco, 24.150 de Cataluña, 3.674 de Aragón, 3.011 de Navarra e 1.828 da Rioxa.
Así mesmo rexistráronse 449 viaxeiros que chegaron dos países cun risco epidemiolóxico máis elevado. Concretamente 121 dende Estados Unidos, 75 de Luxemburgo, 75 de México, 46 de Brasil, 42 da República Dominicana, 33 de Romanía, 22 de Chile, 16 de Ecuador, 11 de Perú e 8 de Colombia.
O resto dos casos corresponden a viaxeiros doutros países con risco epidemiolóxico menos elevado que os anteriormente citados ou a viaxeiros que se rexistraron voluntariamente, xa que proveñen de comunidades autónomas e países que non son de declaración obrigatoria.
A Consellería de Sanidade lembra que todos os viaxeiros que cheguen a Galicia, tras permanecer dentro do período de 14 días anteriores á súa chegada en territorios que posúan unha incidencia epidemiolóxica 3’5 veces superior á de Galicia, deberán comunicar os seus datos de contacto ás autoridades sanitarias. Esta norma é de obrigado cumprimento, independentemente de que os viaxeiros residan na nosa comunidade ou non.
As persoas que visiten Galicia, teñen vintecatro horas desde a súa chegada para comunicar os seus datos de contacto, un trámite que terán que realizar cada un dos viaxeiros. A lista dos territorios cuxa incidencia epidemiolóxica requira desta obriga, pode consultarse na web do Sergas e será actualizada quincenalmente.
Cómo facilitar os datos de contacto
Para proporcionar esta información, pódese cubrir o formulario que esta dispoñible na web https://coronavirus.sergas.gal/ ou subministrar os datos chamando ao teléfono 881 00 20 21. A opción máis sinxela é facer esta inscripción online. Os residentes en Galicia deberán deixar sen cubrir no formulario a data de saída de Galicia.
A opción da chamada telefónica está prevista para as persoas que non teñan acceso a internet, aínda así reforzáronse os servizos e de atención telefónica e incorporáronse máis liñas.